Accessibility Tools

Difícil reflectir en poucas palabras o vivido no Foro sobre Sustentabilidade e Igualdade, organizado por Executivas de Galicia co patrocinio do Concello de Santiago. O novo contrato social, a Axenda 2030 como ferramenta de empoderamento das persoas ou o protagonismo das empresas como parte esencial da solución aos grandes retos sociais, económicos e ambientais, foron algúns dos temas sobre os que puidemos dialogar con relatores da talla de Federico Buyolo, Josefa de León, Elsa Arnaiz e Javier Goizueta.

Falouse sobre os avances e retrocesos do pasado recente e dos nosos días, con logros para celebrar, como a drástica caída da erradicación da pobreza extrema no mundo, e con moitas materias pendentes a nivel local, como o despoboamento do rural, agravada pola falta de oportunidades laborais especialmente para as mulleres, ou a desconfianza da xuventude nas institucións e nos poderes públicos.

Xunto ao debate, dos talleres saíron propostas coas que avanzar en metas de igualdade claves para unha sociedade próspera e inclusiva. A xornada foi un excelente punto de partida do Grupo de Sostibilidade que estamos a crear en Executivas de Galicia, no que seguiremos xerando espazos de encontro e de colaboración.

Reiteramos o noso agradecemento ao Concello de Santiago por apoiar esta actividade e a todas as persoas que a fixeron posible, moi especialmente a Federico Buyolo, Josefa de León, Elsa Arnaiz e Javier Goizueta pero tamén a Berta Caro, Lucero Dámaso, Susana Crespo, Asunción Fieira, Raquel Lago, Eva Castro Outeiriño, Ana Botas e Gemma Castiñeira.

Parafraseando a Federico, se hai obxectivos comúns e traballamos xunt@ s somos imparables.

A continuación pódese ver o vídeo da presentación inicial e mesa de diálogo, que tamén está subido na nosa canle de Youtube.