Accessibility Tools

Coma se xa non tivésemos bastante coa brecha salarial -esa expresión que indica simple e sinxelamente que cobramos menos que os homes por ser mulleres- agora parece que tamén somos parte doutra: a fenda dixital. Esta fai referencia ás persoas ou colectivos que non utilizan as Tecnoloxías de Información e Comunicación (TIC) na súa vida cotiá ou profesional.

Parece evidente que se a muller xa está arrinconada no mundo rural, a era das tecnoloxías non cambiou en nada a súa situación. Son poucas as mulleres rurais que teñen a posibilidade de aproveitar as enormes posibilidades que ofrecen as TIC para conectarse co mundo e coa formación.

Pero tampouco as mulleres das cidades están en posición de equilibrio. A pesar de ser maioría en moitas das nosas universidades, nas carreiras de carácter tecnolóxico a presenza feminina é simbólica. Coma se unha pantasma prohibise o acceso ás enxeñerías, as mozas brillan pola súa ausencia. O máis grave desta situación é que todos os indicadores económicos apuntan a que a creación de emprego nos próximos anos e décadas, provirá desas áreas: enxeñerías e informática en todas as súas vertentes. Por tanto, de non remediar esta tendencia (só un de cada dez estudantes de enxeñería é muller) imos camiño dunha nova era de marxinación.

O último consello de ministros aprobou, entre outras cousas, un plan para promover a igualdade na sociedade dixital, baseado na formación das mulleres no uso das TIC e no fomento da presenza de profesionais e empresarias neste sector. Este último aspecto é clave para reducir esa famosa fenda dixital. Sen ir máis lonxe, aquí en Galicia, un grupo de mulleres empresarias, directivas, emprendedoras e profesionais tentamos non quedarnos fóra deste tren tecnolóxico que está en marcha e cuxo motor será o núcleo do crecemento futuro. A Unión Europea destina importantes fondos á innovación. As mulleres non podemos nin debemos quedarnos á marxe sendo meras espectadoras das oportunidades que ofrecen esas axudas.

O próximo 26 de setembro en Santiago de Compostela unha ampla xornada con expertos en financiamento e igualdade ensinaranos as claves para aproveitar o momento. O resto -a creatividade e o impulso emprendedor- deberemos poñelo nós.