Accessibility Tools

Recentemente asistín a unha xornada sobre igualdade de oportunidades onde debiamos responder á pregunta “cales son os retos pendentes”.
Non resulta fácil elixir, lamentablemente aínda hai moitos asuntos pendentes para falar de igualdade real, con todo creo que existe un ámbito onde a equidade entre home e mulleres, en xeral, aínda non se albisca: a empresa.

Como en toda sociedade regulada polo libre mercado, as empresas sempre se resisten a que a Administración ou os poderes públicos rexan os seus hábitos e formas de organización, tampouco ceden con gusto ás presións dos propios traballadores representados polos sindicatos. Aínda que en materia de igualdade os sindicatos teñen máis ben poucas leccións que dar. Chegaron tarde e a rastro…

De maneira que cando unha empresa privada asume por propia vontade o compromiso pola igualdade de oportunidades entre os seus traballadores e pon en marcha medidas concretas para iso, hai que aplaudila. Non se trata de celebrar evidencias ou satisfacer os seus egos empresariais, senón de recoñecer o esforzo de forma que o xesto sirva de exemplo a moitas outras compañías que aínda están atrasadas ou reticentes.

É o caso dunha entidade financeira, Sabadell, que puxo en marcha unha iniciativa, Mujeres en Noroeste, que ten por fin activar unha serie de medidas destinadas a facilitar o acceso das mulleres do banco aos postos directivos.

O paso é importante. En primeiro lugar porque vén da propia empresa, do seu consello de administración (principalmente masculino) e por tanto reflicte unha toma de conciencia real da empresa. Dito doutro xeito, a igualdade entra no plan estratéxico da entidade.

En segundo lugar cando o obxectivo é incorporar mulleres á dirección supón realizar cambios de calado na organización do traballo da compañía e iso non só afecta as mulleres, senón ao persoal enteiro. Tamén supón asumir unha nova visión das relacións laborais dentro da empresa, maiores niveis de flexibilidade, cambios importantes na mentalidade…

É moi posible que os espíritos críticos, sobre todo coas ata o de agora tan zurradas entidades financeiras, consideren que estas iniciativas non son máis que campañas de márketing destinadas a tentar mellorar a súa imaxe. Pero aínda que así fose -seica os partidos políticos non fan exactamente o mesmo?- o que ten transcendencia é o resultado.

Neste caso o máis importante non é só que as mulleres do banco teñan máis oportunidades para acceder aos postos máis relevantes ,senón que se empeza a cambiar a mentalidade dos homes. A proba diso é que un mozo directivo do Sabadell achegóuseme para dicirme que estaba a desexar poder facer uso da súa baixa por paternidade. Un asunto case tabú entre os directivos de moitas empresas…