Accessibility Tools

Sexamos pragmáticos (todas e todos). Son moitas as razóns que podemos invocar para que as mulleres accedan á economía STEM, (acrónimo en inglés de science, tecnology, engineering e mathematics) pero creo que cun só basta para entender por que é urxente que así sexa. O estudo Women active in ICT sector, elaborado pola Comisión Europea indica que se as mulleres participasen na economía dixital ao mesmo nivel que os homes o Produto Interior Bruto da Unión Europea incrementaríase en 9.000 millóns de euros cada ano.

Máis aló das razóns éticas ou de xustiza, este argumento resulta irrefutable. É máis, cabe preguntarse como é posible que os Estados membros non estean a traballar de maneira intensiva nesta tarefa. Como é posible que este asunto non figure na orde do día dos innumerables Consellos de Asuntos Económicos nos que participan os ministros de economía dos 27?

Non é a primeira vez que desde esta humilde columna abordo unha realidade que todos podemos palpar na nosa contorna. As mozas que elixen as enxeñerías, as carreiras informáticas ou de base tecnolóxica son unha minoría. As estatísticas demóstrano, de cada 1.000 graduadas en Europa só 29 saen de facultades relacionadas co ensino de tecnoloxías da información e a comunicación. E o peor é que estes índices están a baixar. Tanto en España como no resto da UE a presenza feminina está por baixo do 15%. É dicir, imos marcha atrás.

Todas as análises apuntan a que a creación de emprego -a demanda de profesionais- provén do sector tecnolóxico en todas as súas vertentes. Ivan Soto, investigador de Deusto Business School, escola de negocios onde tivo lugar a xornada Women in Steam o pasado 4 de febreiro en Madrid, afirmaba ao peche do evento que “non hai traballadores cualificados suficientes para atender a demanda de emprego que se está xerando. Se as mulleres estivesen ao mesmo nivel que os homes, estaríase máis próximo ao nivel desexado”

Sen ánimo de ser paxaro de mal agüero, o futuro parece escuro e a realidade é que, unha vez máis, as mulleres –nós xa non senón as xeracións que hoxe acceden ás universidades- non poderán optar a ese enorme mercado laboral que se abre da man da revolución tecnolóxica. Levamos anos quedándonos atrás e, lamentablemente, nas próximas décadas seguiremos fóra do benestar económico, con todo o que iso implica.

A orixe do problema xa está identificado: as ramas tecnolóxicas e técnicas están desde sempre asimiladas aos mozos. É por tanto imprescindible cambiar a imaxe social que impide que estas áreas de coñecemento sexan relacionadas coa muller. E isto débese realizar desde a base.

Xa non se trata de abanderar reivindicacións feministas clásicas nas que o elemento de xustiza (lexítimo por certo) é o leitmotiv, é necesario comprender que as ramas técnicas son as motoras da creación de emprego para as próximas décadas e que a igualdade de xénero será un elemento de incremento indiscutible da competitividade.