Accessibility Tools

Reconforta comprobar que existen sectores en Galicia onde as mulleres están presentes de maneira natural e sen estridencias. Reconforta tamén comprobar que non é unha representación simbólica senón que numericamente maioritaria.

Esa foi a sensación que deixa a gala dos premios Mestre Mateo da Academia Galega do Audiovisual celebrada o pasado sábado na Coruña. As mulleres están presentes en todas as especialidades da produción audiovisual. Unha canteira de excelentes actrices desde o Premio de Honra outorgado a unha veterana como Fely Manzano ás novas promesas como Ledicia Sola que xa comezan a marcar a retina dos espectadores nas series que emite TVG e que máis pronto que tarde darán o salto ás cadeas nacionais.

Estamos máis afeitos atopar nomes femininos nas especialidades de vestiario ou barbería e maquillaxe pero este ano tamén elas subiron a recoller o galardón nas categorías de guión, música, publicidade ou curtametraxe e documental.

A ninguén lle estraña que nalgunhas seccións como a de mellor comunicador/comunicadora os nomeados sexan 3 mulleres e un home e que se impoña finalmente una delas, tal e como foi o caso nesta edición. Na produción, é dicir aí onde se manexan os orzamentos, os medios para abordar xa sexa unha película de cinema, unha serie de televisión ou un anuncio publicitario, a presenza feminina está xeneralizada.

A propia cadea pública, TVG, principal motor do sector audiovisual de Galicia, conta no seu equipo directivo a mulleres como é o caso da directora de TVG, a súa directora de informativos ou a propia dirección de Radio Galega.

Dicía que a sensación ao finalizar a gala da XIII Edición dos Mestre Mateo foi de satisfacción ao comprobar a presenza feminina de maneira natural. O certo é que a paridade está aí: dos 22 premios outorgados polos socios da Academia 11 deles foron concedidos a mulleres ou a proxectos onde figura unha muller de maneira destacada.

Estou segura de que isto nos é máis que o froito dunha normalidade. Neste resultado non hai cotas, non hai imposicións. A comunicación, a televisión, o cinema, a industria audiovisual no seu conxunto é maioritariamente feminina; por tanto é normal que o resultado sexa ese.

Oxalá este exemplo renda no resto dos sectores da nosa sociedade. Desde esta esquina de opinión adoito reclamar maior presenza feminina nos cargos de mando. Hoxe toca dar o parabén ao sector e, de maneira especial, ás galardoadas.