Accessibility Tools

A asociación Executivas de Galicia organizou o pasado 25 de marzo o V Encontro pola Corresponsabilidade, “Unha mirada aos maiores”. O encontro contou coa colaboración da Confederación Empresarial de Ourense (CEO) e a Xunta de Galicia.

A xornada tivo lugar na sede da CEO e durante a mesma tratouse de identificar as novas necesidades en materia de atención e coidados ás persoas maiores e as persoas coidadoras, buscando alcanzar solucións idóneas para a mellora da calidade de vida.

Este encontro, que se celebrou por primeira vez na cidade de Ourense, é un espazo para realizar achegas multidisciplinares: social, educativo, económico e xurídico.

A través dos/as profesionais e referentes dos diferentes sectores que participaron crearase un documento de conclusións que se trasladará posteriormente ás administracións públicas encargadas de definir as políticas sociais, educativas, económicas ou xurídicas.

Relatorios

A xornada iniciouse ás 09.30 coa benvida inaugural de Carla Reyes Uschinsky, presidenta de Executivas de Galicia, Marisol Nóvoa Rodríguez, presidenta da Confederación Empresarial de Ourense, que expresou o seu desexo de avanzar na colaboración con Executivas de Galicia. Tamén estivo presente o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, quen recalcou que a gran maioría dos coidados lévanos a cabo as mulleres. En representación da Xunta de Galicia asistiu Yolanda Otero Balsa, subdirectora Xeral de Recursos Residenciais e Atención Diúrna de Maiores da Xunta de Galicia, que subliñou a importancia de poder escoller onde envellecer e explicou os proxectos nos que traballa o seu departamento para mellorar a calidade das persoas que deben recorrer a residencias.

A continuación, tiveron lugar as seguintes mesas redondas, O benestar como prioridade maior moderada por Luisa Rivas García, avogada e socia en Coadas Rivas Arnaiz Avogados e que contou coa participación de Elena Paz Álvarez, presidenta da Asociación María Andrea e que destacou a idea de que existan grupos de persoas maiores aos que poder consultar para o que facer e non facer, José María Pena, CEO de DomusVi, entidade que conta cun persoal na que o 90% son mulleres e Eva D. Castro Outeiriño, directora de Proxectos de Impacto Social Positivos.

A seguinte posta en común tivo como título, Coidados e Apoios: antes e despois da reforma lexislativa Lei 8/2021, do 2 de xuño de 2021 moderado por Carolina Pardo-Ciorraga Barros, avogada en Pardo-Ciorraga & Fernández Sarmiento e que contou coa participación de Verónica Pérez Outomuro Souto, exasesora técnica de materia de Xustiza e Igualdade da Valedora do Pobo e Marisol Nóvoa Rodríguez, avogada e presidenta da Confederación Empresarial de Ourense.

A última mesa redonda da mañá, antes da pausa para o cóctel networking, estivo moderada por Montserrat Vale Santos, avogada e socia en Vale e Asociados, e baixo o tema A aula: berce da corresponsabilidade que reuniu a profesionais como Susana Pérez Crespo, consultora de Innovación Educativa e Social, a Ana Belén López Pérez, directora do Centro de Día do Concello de Toén e a Carmen Pomar Tojo, profesora da USC e parlamentaria autonómica que apuntou que os horarios laborais impiden a corresponsabilidade porque están masculinizados.

Xa pola tarde, continuou o encontro coa mesa Pensando en platino na que participaron Ana Belén Fernández Souto, directora da Cátedra Afaga-Atendo Edadismo UVigo, Marisol Nóvoa Rodríguez, presidenta da Confederación Empresarial de Ourense e Miguel Filgueira Bouza, maxistrado da Audiencia Provincial da Coruña, moderada por Mar Viveiro Vizoso, avogada en Mar Viveiro Avogados.

Soñando o futuro é o título da última mesa de relatorios, na que, moderada por Carmen Costas Martínez, avogada e socia de Ircavigo–Irisarri Avogados, contou coa participación de Ariana Fernández Palomo, farmacéutica e CEO de Lp10, Lucía Saborido Piñeiro, directora e fundadora de Centros Saraiva e Mariví Iglesias Castelo, consultora en finanzas persoais en OVB Allfinanz España.

O acto de clausura pechouno a vicepresidenta de Executivas de Galicia, Concepción Vilaboa Martínez que acompañou ao grupo xurídico da asociación.