O 21 de xaneiro socias de Executivas de Galicia participarán nunha visita guiada á Exposición 49 Razóns na Casa Museo Casares Quiroga na Coruña.

49 Razóns é unha iniciativa impulsada pola socia Beatriz Clara Losada e que contou coa participación doutras socias como Teresita Palacio, Carmen Rodríguez e Merce Cernadas. Neste proxecto conxúgase arte, moda e conciencia ecolóxica.

O obxectivo do proxecto é ecolóxico, educativo e artístico axudándose do tirón que ten o mundo da moda e a imaxe no tempo en que vivimos, para concienciar sobre moda ecolóxica e ademais levantar a cultura e a arte local.

Trátase, por tanto de crear pezas de arte que se poden vestir, a partir de pezas xa existentes.

Os obxectivos que se perseguen con esta iniciativa son:

  • A creación de pezas de moda que sexan pezas de arte usables e únicas.
  • A promoción de artistas locais dándolles visibilidade e unha vía de ingresos extra e inclusión de etiqueta en que se identifique o nome do artista e forma de localizalo.
  • A revalorización de pezas refugadas e a súa nova introdución no mercado, cun alto valor engadido, optimizando a vida útil do produto e minimizando o consumo enerxético, o impacto ambiental e demais cuestións implícitas a unha vida útil curta dos produtos.
  • Concienciación dos consumidores potenciais do risco do consumismo atroz, versus xerar interese na sustentabilidade e o consumo responsable.