Este mes de setembro retomamos os nosos Meet-up Referentes Galegas, encontros nos que participan mulleres referentes con temáticas de actualidade e interese e nesta ocasión facémolo en formato presencial.

No encontro de setembro analizaremos como afectou a pandemia ao sector da hostalería e organización de eventos, a súa adaptación ás novas circunstancias, novos modelos de negocios e novas oportunidades no sector, tempo de recuperación para un dos sectores máis afectados, etc.

O Meet-up Referentes Galegas Novas oportunidades e retos de futuro no sector gastronómico e de eventos, terá lugar o próximo 23 de setembro de 19:00 a 20:20 no Hotel Oca Porta do Camiño, en Santiago de Compostela, e contaremos coa participación de:

Ana García, Directora de Trevisani S.L. desde fai 30 anos. Empresa que xestiona Congresos, Feiras e Eventos.
Presidenta de OPC Galicia e Representante da marca Galicia MICE.

Begoña Vázquez, ao mando dos fogóns en Regueiro da Cova, lugar no que leva a cabo unha cociña tradicional, de produto ainda que con toques de cociña actual.
Encántalle ir ao monte a por cogomelos. Define o seu restaurante como de produto, de km 0 e, no posible, ecolóxico, no que priman diversión e compañeirismo, o dinámico e o experimental.
Cogomelos e tixolas son o seu produto e ferramenta predilecta. É a única muller chef que forma parte da Asociación Cociña Ourense.

Isabel Neira, Profesora Titular de Economía Aplicada (Econometría). Directora técnica do Grupo GEM–Galicia, a súa liña de investigación está centrada en temas de capital humano e social, emprendemento, felicidade e satisfacción laboral.
Foi presidenta da Asociación da Economía da Educación, colaborando coas axencias de calidade galega ACSUG e estatal ANECA en diversos proxectos.

Lucía Freitas, en 2009 abre “A Tafona” (Santiago de Compostela) e aos tres meses da súa apertura gaña o seu primeiro premio no concurso de tapas de cidade (o máis prestixioso de Galicia e que gañou 5 veces máis).
No ano 2016 obtivo o segundo posto no concurso nacional “Cocinero del Año”. Nese ano iníciase tamén o proxecto “Tomiño” en Nova York, que supuxo para ela a internacionalización da súa cociña galega máis tradicional, abrindo en 2017 e conseguindo en 2018 o seu primeiro premio, o “ Bib Gourmand” da prestixiosa Guía Michelin.
En 2017 refórmase “A Tafona” e obtén só un ano despois a súa primeira estrela Michelín. Unha semana máis tarde, abre LUME (Santiago de Compostela), un novo concepto de barra gastronómica na que cociñar sen etiquetas, “slow food a lume de carozo”, e que posicionou a Lucía como unha das mellores empresarias gastronómicas en España.

Unha vez finalizado o meet up terá lugar un encontro networking con cóctel no propio hotel.

Para que o encontro sexa ameno e dinámico, podendo participar os/as asistentes, contará con prazas limitadas, polo que será necesario facer a inscrición antes do 19/09/21 na ligazón que aparece máis abaixo.

As persoas que queiran participar poden elixir inscribirse no meet up e networking conxuntamente, ou ben unicamente no meet up ou networking.