Accessibility Tools

Para Executivas de Galicia é un orgullo que a nosa socia, Sandra Amézaga, estea nomeada ás Top 100, o grupo das mulleres máis influentes do país nos distintos ámbitos da vida económica, política, empresarial, social e cultural. É un recoñecemento a todas nós . É, ademais, un xesto de xustiza ás mulleres do mundo do mar. Un sector onde a muller ten un papel fundamental pero que, aínda hoxe, permanece na sombra.

 

Por que resultan necesarias este tipo de iniciativas, as mulleres non brillan o suficiente?

As mulleres brillan suficientemente, o problema é que o brillo adoita ser tapado ou ignorado. Unha das desculpas máis utilizadas para a ausencia de mulleres en postos directivos ou de visibilidade é a falta de mulleres dispostas a asumir estas funcións. O mesmo ocorre coa arte ou a ciencia.

 

É unha impresión subxectiva ou hai poucas galegas nestas listas, poucas nomeadas e, por tanto poucas elixidas?

A min tamén me pareceu que hai moi poucas galegas. Supoño que ten que ver con varios factores: que sexa unha iniciativa orixinada en Madrid, a distancia de Galicia, o seu tradicional illamento e o carácter reservado propio dos galegos.

 

Por que che decidiches a dar o paso?

En parte está relacionado coas preguntas anteriores. Sigo a evolución das Top 100 desde os seus inicios e vía como Galicia quedaba, unha vez máis, á marxe. O descoñecemento xeral que existe do mundo da pesca e das súas mulleres tamén foi un factor determinante na miña decisión. Ademais, hai un forte compoñente de compromiso persoal pola igualdade. Necesitamos novos referentes en todos os sectores, mostrar, en especial ás máis novas, que non hai un só modelo de muller. Por idade e traxectoria persoal e profesional, considero que teño algo que achegar á sociedade, ao sector pesqueiro e ás mulleres. Non se pode reclamar visibilidade e non pedila de maneira activa.

 

Nas diferentes categorías deste top non adoitamos atopar mulleres do sector primario, por que?

O principal problema é o descoñecemento destas realidades por parte dos organizadores destes premios. O sector primario é un mundo principalmente rural e afastado das grandes cidades e do foco de atención dos medios de comunicación. As noticias que poden xerar só son recollidas por prensa local ou por publicacións especializadas. No caso da pesca, que é o que coñezo, as mulleres non tomaron conciencia da necesidade de visibilidade. A isto hai que sumarlle o temor á penalización social por unha excesiva exposición e a un sentimento, infundado, de non ter nada que ofrecer.

 

Crees que o mundo do mar está falto de visibilidade?

Absolutamente. Mesmo en cidades vinculadas ao mar como é Vigo, non se coñece en profundidade o sector pesqueiro, especialmente a pesca artesanal. Unha pena, porque é un mundo fascinante e dunha gran riqueza humana. Cando o coñeces, namórache.

 

E que papel xoga a muller no mundo da pesca?

Se falamos da pesca artesanal, a maioría do marisqueo a pé realízano mulleres e supoñen a metade dos socios das 63 confrarías de pescadores de Galicia. Chama a atención que con estas cifras só haxa 13 patroas maiores. Na industria conserveira o persoal de planta é maioritariamente feminino pero os postos de dirección son ocupados por homes. De novo, atopámonos cun sector no que as mulleres non teñen o recoñecemento púbico que deberían ter polo seu propio peso no mesmo.

 

Poderiamos falar en Galicia dun Top 100?

Desde o meu punto de vista, sería desexable. Un Top 100 galego permitiría reflectir mellor a estrutura social e económica de Galicia e daría voz a moitas mulleres que están a xogar un papel determinante desde o anonimato. Creo que moitos se sorprenderían se coñecesen a evolución da muller nesta zona e as súas achegas.

Formas parte de Executivas desde os seus inicios. En que medida a participación nunha asociación como esta é necesaria para conseguir maiores niveis de igualdade?

É moi difícil facerse oír de maneira individual. Necesitamos un cambio de valores e iso só vaise a conseguir con accións continuas que xeren reflexión. Executivas de Galicia, do mesmo xeito que outras asociacións parecidas, permite aglutinar experiencias, visións e talento de mulleres de distinta procedencia e ámbitos ao redor dun obxectivo común. Poderiamos reunirnos 4 amigas e falar sobre igualdade, pero non se trata diso. Trátase de opinar, construír e participar nos procesos sociais, económicos e políticos.

 

Crees que estamos nun bo momento para a igualdade entre os sexos?

É innegable que houbo importantes avances. O que non podemos facer agora é relaxarnos e rendernos ao espellismo da plena igualdade. Hai que ser conscientes da situación e adoptar unha postura activa. Son optimista e vexo posibilidades nas máis novas. Enténdase que me refiro exclusivamente ás sociedades occidentais. Con isto non me esquezo das mulleres que viven en circunstancias dramáticas en calquera punto do planeta.

 

Cales serían as tarefas pendentes máis urxentes?

A lista é longa. Se atendemos aos síntomas e consecuencias da desigualdade situaría nun primeiro plano o fin da violencia machista, pola súa gravidade. Outras cuestións para abordar serían a independencia económica, o acceso á educación ou a eliminación da brecha salarial. Se falamos de atacar as causas, o éxito perdurable en todos estes procesos pasa por un cambio de mentalidade e a eliminación de estereotipos vinculados ao xénero. Aquí é onde está o verdadeiro cabalo de batalla.