Executivas de Galicia informa as súas socias que xa están publicadas as axudas para a conciliación por maternidade ou paternidade das persoas autónomas.

No D.O.G. do 16 de maio de 2019 publícase a Orde que establece as bases da concesión de axudas pola Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia, a persoas traballadoras por conta propia ou autónomas que unha vez finalizado o seu período de descanso por nacemento, contraten a unha persoa para ampliar a súa conciliación da vida familiar e laboral e facilitar a continuidade do seu proxecto empresarial.

Poderán ser beneficiarias as persoas traballadoras autónomas, que no prazo dos quince días seguintes ao da finalización do período de descanso por nacemento, contraten a unha persoa traballadora por conta allea cumprindo os requisitos establecidos na Orde, cunha duración mínima de seis meses, sendo o importe da axuda de 500 € por mes completo cun máximo de doce meses, ou por unha contía proporcional ao tempo efectivo de traballo cando se trate de contratación a tempo parcial. Tamén poderán ser beneficiarias as sociedades con respecto ás persoas autónomas societarias.

O prazo de presentación da solicitude finaliza o 30 de setembro de 2019.