Accessibility Tools

O próximo 2020 cumpriranse tres décadas do fin da URSS. É moi probable que boa parte dos mozos de hoxe nin sequera recoñezan estas catro letras xuntas.
Durante 73 anos o réxime socialista exerceu o poder e tivo tempo para construír un marco lexislativo que regulaba a vida dos soviéticos e mesmo dos chamados países satélites.

Pero xa pasaron 30 anos desde que a URSS veu abaixo. Tempo máis que suficiente para cambiar, para adaptarse a un novo sistema económico e, en principio, tamén a un novo sistema político que tenta parecerse ás nosas democracias, aínda que non parece que o consiga.

Chama a atención que seis lustros despois do fin do réxime socialista aínda estean vixentes algunhas leis da era soviética. Sorprende máis aínda que tampouco se atisbe interese nin vontade en derrogalas.

O presidente da Federación rusa, Vladímir Vladímirovich Putin, non labrou o seu prestixio pola súa convicción en afianzar a democracia ou respectar os dereitos humanos no seu país, nin nos das súas veciñas Repúblicas. Por tanto tampouco debemos esperar moitos cambios en materia de igualdade entre sexos.

Na Rusia actual existen 456 profesións que están prohibidas para as mulleres. Esta prohibición está recollida nunha lei en vigor desde a época soviética. O argumento que xustifica esta evidente discriminación por razón de sexos foi -e o é aínda- que son oficios perigosos.

As rusas non poden, por exemplo, conducir un gran camión, nin o metro, tampouco poden ser capitás de barco aínda que viaxasen ao espazo…Non poden traballar nunha mina ao descuberto. Con todo, en 1917 -a poucos meses da Revolución Rusa- o goberno creou os “batallóns da morte”, unidades exclusivamente de mulleres para reforzar a un exercito exhausto pola guerra. Resulta por tanto curioso que argumenten que esas 456 profesións son perigosas para as mulleres…

Nun acto de avance sen parangón, o goberno ruso prepara unha reforma da ditosa lei. Non se trata de derrogala, claro que non -seguirán protexendo ás mulleres deses traballos tan perigosos- pero “só” quedarán 100 profesións vetadas.

No noso mundo desde hai moito tempo considérase que a lexislación aberta en materia de aborto é un criterio para valorar o carácter desenvolvido ou progresista dun país. O certo é que esta Rusia que prohibe ás mulleres exercer como soldadora ou traballar nunha mina foi o primeiro país do mundo en 1917 en legalizar o aborto de maneira gratuíta e voluntaria… Paradoxos da historia.