Accessibility Tools

Neste momento, á vez que escribo, é moi probable que unha saudita, unha xaponesa ou unha mexicana estea a se probar un dos vestidos da nova colección. Os camións saen cada día do centro loxístico de San Cibrao cara ás tendas situadas en 29 países do planeta. Desde Ourense para o mundo.
Todo empezou hai 45 anos nun taller de sastrería en Ourense.

A fama chega cun slogan que marcaría unha época: “engúrraa é bela”, talvez un das lemas máis recoñecidos da moda española. Daquela a serie Miami Vice –cuxos protagonistas levan os seus modelos- rompe todos os esquemas do vestiario dos detectives da época.

AD foi unha compañía sempre á vangarda, rompendo tópicos, creando fitos. A primeira empresa téxtil en deseñar unha liña propia de cosméticos. Pero, sobre todo, foi a primeira empresa galega en cotizar en bolsa. É a empresa de moda máis veterana do parqué.

Pioneira tamén en materia de igualdade. AD é a única compañía galega que cumpre coa paridade na súa dirección, un 43% dos membros do Consello de Administración son mulleres. Tamén é das poucas compañías que aplica xornada intensiva de traballo e as súas empregadas (a maioría do persoal é feminina) saen de traballar ás 16 h30.

Desde o verán do 2017 a empresa ourensá está baixo o temón de Adriana Domínguez, aínda que leva xa case dúas décadas traballando en diversos departamentos da firma. Coñécea por dentro e probablemente por iso parece saber perfectamente como poñer rumbo cara aos desafíos do mercado: a venda online, a internacionalización, as redes sociais, a sustentabilidade.

O seu perfil corresponde a ese tópico xa tan manoseado de “sobradamente preparada”, (licenciada en Ciencias Empresariais Internacionais por ICADE e CESEM (Francia) e graduada por The Le StrasbergTheatre Institute de Nova York).

Son elementos importantes, sen dúbida, pero seguramente o realmente único é o seu compromiso coa empresa, coa súa historia e coa súa terra, valores que ningún master certifica, nin os merecidos nin os regalados.

Ese compromiso é, imaxino, o que lle permite poñer “patas para arriba” á empresa. Reestruturar as tendas, impulsar o negocio online, reformar o packaging e o marchandising, renovar o escaparatismo ou apostar pola sustentabilidade… E vólveo a facer, outra vez impáctanos coa súa nova campaña “Se máis vello”: non é unha modelo de 25, é unha de 70…

Ninguén mellor para levar a porto este cambio de vento que a herdeira dunha longa historia de 40 anos, a súa. Un ano despois de asumir o desafío, os resultados xa están aquí. Adolfo Domínguez navega vento en popa para conectar co novo cliente, para actualizar a tradición ao futuro, para renovar e así perdurar…

Adriana Domínguez recibirá este venres o Premio Executivas 2018. Fan falta máis razóns?