Visibilizar o papel das mulleres directivas, empresarias e profesionais e unilo ás oportunidades que xera o Camiño de Santiago foi a temática da mesa redonda do programa “Mulleres no Camiño” que se celebrou o pasado 3 de xuño no Hostal dos Reis Católicos. O evento organizado por Executivas de Galicia reuniu a máis de medio centenar de mulleres profesionais do norte de España.

O acto contou coa participación do vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación da Xunta de Galicia, Francisco Conde, a secretaria Xeral de Igualdade, Susana López Abella, o concelleiro de Presidencia, Relacións Institucionais e Turismo do Concello de Santiago de Compostela, Sindo Guinarte, o presidente da CEG, Juan Manuel Vieites, a presidenta de EDA, Begoña Fernández-Costais, e Reyes Montes Alvadellos, representante de Banco Sabadell e de “Mujeres del Noroeste” en Galicia.

“Mulleres no Camiño” é un proxecto posto en marcha por EDA, Empresarias e Directivas do Atlántico, unha rede de asociacións de mulleres empresarias, directivas e profesionais da que Executivas de Galicia forma parte xunto con outras asociacións do noroeste de España, como son ADMEC, AMEDNA, ASELE, FEDA e Mujer Siglo XXI.

Deste xeito, a temática elixida por Executivas de Galicia para o encontro é destacar o papel das mulleres contorna ao Camiño de Santiago, especialmente dar visibilidade á muller empresaria e directiva e que conta coa colaboración do Banco Sabadell, Grupo Leite Río, Auren e EiDF.

Así, a primeira actividade foi unha mesa redonda con catro mulleres galegas de destacada traxectoria profesional, líderes no seu sector que compartiron a súa experiencia e a influencia do Camiño nos seus respectivos sectores, as oportunidades que xera ou os retos das mulleres líderes entre outros temas. Nesta mesa, participaron Carmen Lence, directora de Grupo Leite Río, Luisa Lorenzo, directora xeral de Lorygar e do Hotel Spa A Quinta da Auga, Luz García Cajete, directora de comunicación externa de MAPFRE España e Rosa María Vilas, directora adxunta ao director xeral CRTVG.

A continuación serviuse un cóctel networking onde os asistentes e as socias de Executivas puideron intercambiar experiencias e crear sinerxias e novos lazos de colaboración.

Programa Xornada día 4 Mulleres no Camiño

Para o sábado 4 pola mañá programouse unha xornada máis lúdica na que máis de medio centenar de persoas percorreron un tramo testemuñal do Camiño de Santiago, desde o Monte do Gozo ata a Praza do Obradoiro, na que participou tamén a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez.

No punto final do Camiño realizouse unha visita guiada polos exteriores da Catedral e o Pórtico da Gloria recentemente restaurado.

Finalizada a visita tivo lugar unha comida networking no Hotel Oca Puerta del Camino.