Accessibility Tools

Perdín xa a conta das veces que escribín neste recuncho de opinión sobre como a muller foi sempre a gran ausente dos premios, medallas, condecoracións e, en xeral, de todos os recoñecementos.

Brillaron pola súa ausencia.

Desde o Nobel, en todas as súas categorías, ao Cervantes, pasando polos Oscars á dirección en Holywood ou en Cannes.

Os grandes trofeos sempre foron masculinos. É certo que algunhas pinceladas femininas sa dan aquí e alá para non levantar escozores, pero a regra segue sendo que sexan os señores os que rocen o ceo e elas queden perdidas entre as nubes.

É por tanto comprensible que se xerou tanto balbordo e expectación ao coñecerse a noticia de que a Xunta de Galicia decidiu conceder as Medallas Castelao, un das máximas distincións da Comunidade Autónoma, a cinco mulleres de forma exclusiva. É a primeira vez nos seus 35 anos de existencia que só se entrega a mulleres. O contrario produciuse en moitas ocasións, pero claro iso era o habitual.

As cifras están aí: das 241 personalidades e institucións que recibiron a Medalla Castelao, só 47 foron mulleres.

Este recoñecemento naceu en 1984 pero houbo que esperar a 1987 para ver á primeira muller. A partir dese momento elas representaban unha mínima expresión entre unha esmagadora maioría masculina. Estamos a falar da última década do século XX, non do medioevo…

É comprensible, pois, que esta decisión de facer unha proposta totalmente feminina non deixe de sorprender gratamente.

É un xesto, si, pero con transcendencia. Un xesto que debe servir de exemplo a moitos galardóns que aínda se resisten a abrir as súas portas de pao a pao ás mulleres. É tamén unha mensaxe clara e contundente de compromiso coa igualdade de oportunidades. Estas medallas son un punto de inflexión. A partir de aquí as medallas serán -seguro- se non paritarias, polo menos equilibradas.

Non se trata de impoñer cotas. Seica é aínda necesario impoñer cotas femininas cando o talento, a profesionalidade, o mérito están a chamar á porta cada día?

Imaxino que a elección desas 4 mulleres: Teresa Portela, Marisa Crespo, Jeanne Picard e Benedicta Sánchez, e unha entidade feminina, As Redeiras, non foi fácil e estou segura de que había outras moitas candidatas. Neste momento non fai falta unha lupa para localizar a mulleres talentosas, o que fai falta é a vontade de querer darlles paso.

Como cada ano o 28 de xuño entregaranse as Medallas Castelao, será un gran día, un deses que quedan marcados nos calendarios e que fan que as inercias de sempre comecen a disiparse.