Accessibility Tools

A entrega do premio tivo lugar no Hotel Oca Porta do Camiño e asistiron máis de 200 persoas entre socias, convidados e autoridades

A presidenta de Executivas, Carla Reyes Uschinsky, a conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, e o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices Vieira, entregaron o pasado 30 de novembro o Premio Executivas 2022 a María del Carmen Canal López, co fundadora e impulsora de Aceites Abril. Xunto co seu marido, Manuel Pérez, impulsaron un negocio de éxito, abrindo novos camiños para centos de produtores e profesionais do sector.

No acto celebrado no Hotel Puerta del Camino en Santiago, presentado pola xornalista Marta Darriba, participaron numerosas representantes da administración, como o vicepresidente primeiro da Xunta, Francisco Conde, ou a conselleira do Mar, Rosa Quintana, diferentes representantes políticos, de organizacións empresariais, persoas vinculadas a Aceites Abril e, por suposto, máis de 200 socias e Referentes de Executivas de Galicia.

Con este galardón, Executivas de Galicia, recoñece a traxectoria e o papel tan destacado de María del Carmen Canal, na creación e desenvolvemento de Aceites Abril, no seu labor apoiando a asociacións de mulleres, sendo impulsora do turismo en Ourense e sendo pioneira nunha época con pouca visibilidade da muller profesional.

Carla Reyes Uschinsky sinalou que “é un orgullo para Executivas dar este recoñecemento a unha muller pioneira no fomento do asociacionismo feminino, cun afán emprendedor desde mozo e que rompeu moitas barreiras no seu tempo” ademais de recoñecer “a unha muller referente no sector agroalimentario e empresarial”.

Pola súa banda, María del Carmen Canal, agradeceu o recoñecemento e encomiou o labor levado a cabo durante estes anos por Executivas de Galicia e a importancia de apoiarse entre as mulleres.

O galardón, que quere destacar aquelas traxectorias persoais ou profesionais que poñen o valor o liderado feminino, consistiu nunha escultura do artista galego Miguel Couto, denominada Fémina, onde reflexiona sobre o triunfo persoal da muller.

Deste xeito, María del Carmen Canal, súmase ás xa premiadas en anteriores edicións como son a pianista Isabel Dobarro, a bióloga Marisol Soengas, a CEO Adriana Domínguez, a comunicadora Silvia Jato ou a científica África González.

O acto finalizou coa actuación unha actuación musical e un cóctel networking.

 

Traxectoria Profesional

María del Carmen Canal sempre foi unha muller adiantada ao seu tempo, abrindo camiño nunha época na que non resultaba nada fácil. De feito, as súas ganas de romper barreiras levárona a ser unha das primeiras mulleres que participaban nas yincanas motorísticas de Ourense nunha época na que moi poucas mulleres conducían.

Esa actitude emprendedora lévoa a ser das primeiras da súa promoción nas oposicións de maxisterio, da que pediu excedencia para seguir formándose en Filosofía e Letras en Madrid. O seu matrimonio con Manuel Pérez Delgado, achegouna ao sector empresarial no que, ademais de Aceites Abril, vinculouse ao sector inmobiliario con delegacións en Ourense, Vigo, Madrid e Canarias.

Ademais, sempre estivo a apoiar, en ocasións de maneira calada, a diferentes asociacións de mulleres, ás que convidaba a coñecer Aceites Abril e, de paso, a visitar e coñecer Ourense e a moitas organizacións sen ánimo de lucro ás que prestaba o seu apoio e recursos para poder atender ás persoas que máis o necesitaban.

 

Fotos: Yanka Soto