Accessibility Tools

Non é a primeira vez que sucede. Hai algúns anos os organizadores dunha competición de surf en Asturias, optaran por premiar ao gañador masculino con premios en metálico: 1000 euros para o primeiro e 500 para o segundo. Ás mozas con todo regalóuselles unhas bolsas cun pack: unha bolsita de compresas, unhas chocolatinas e algunha outra menudencia. Ante as queixas das propias participantes a resposta dos organizadores foi que non atoparan patrocinadores que quixesen achegar os premios para a categoría feminina.

Pois volve suceder algo similar, esta vez aquí en Galicia. O protagonista, a Federación Galega de Automobilismo (FGA) que pretendía regalar ás gañadoras da copa de rallye DONAS un conxunto de lenzaría.

O asunto non sentou nada ben a algunhas das participantes que consideraron ese agasallo unha falta de respecto, a un home non se lle regalaría un calzón, dixo unha delas, seguíronlle outras deportistas cualificando a iniciativa de machista e anacrónica.
Creouse tal alboroto que os organizadores decidiron cortar polo máis simple: cancelar o torneo.

Ocórrenseme varios comentarios. Normalmente cando se comete un erro, cando non se acerta, cousa que é perfectamente posible, pídense desculpas corríxese e asunto esquecido. Non se fixo, preferiuse cancelar todo o torneo, o que fai sentir que a culpa da cancelación do evento é das mulleres que non aceptan ese agasallo.
Chámame tamén a atención que a ningún membro da organización páselle pola cabeza que un xogo de lenzaría a unhas mozas que pilotan coches de rallye puidese ser o agasallo mais adecuado. Non digo que a Federación deba contratar asesores en materia de igualdade de sexos, digo que, simplemente habería que ter un pouco de sensibilidade ou sentido común.

Por último, quedo cun dos adxectivos utilizados polas mozas ao dicir que era un agasallo “machista e anacrónico”. Anacrónico segundo o dicionario quere dicir antigo, “trasnoitado”, entre outros. E é verdade, ese é un agasallo que se fai na intimidade dunha parella. Ou seica ven vostedes á gañadora levantando cunha man a braguita ou tanga e coa outra o suxeitador para celebrar a súa vitoria?

Foto: @Luis_Cobas