Executivas destaca a necesidade de dar visibilidade ás mulleres que desenvolven a súa carreira profesional no ámbito da cultura

A entrega do premio tivo lugar na Cidade da Cultura e asistiron preto de 150 persoas entre socias, convidados e autoridades

A presidenta de Executivas, Carla Reyes Uschinsky, a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel María Vázquez Mourelle, e o Delegado do Goberno en Galicia, José Manuel Miñones Conde, entregaron o 25 de marzo o Premio Executivas 2021 a Isabel Dobarro, unha das pianistas con máis proxección internacional.

No evento, que tivo lugar no Edificio CINC da Cidade da Cultura, presentado por Diana Nogueira, participaron numerosos representantes políticos e da administración, ademais de máis de 140 persoas rexistradas, que quixeron acompañar na homenaxe a Isabel Dobarro.

Con este galardón, as case 300 socias de Executivas de Galicia valoraron ademais da súa excelente traxectoria, o esforzo, profesionalidade e talento que a caracteriza. Significativo tamén o papel e o proxecto que puxo en marcha para rescatar do esquecemento obras de compositoras ás que non se lles recoñeceu no seu momento.

Isabel Dobarro agradeceu o recoñecemento e encomiou o labor levado a cabo durante estes anos por Executivas de Galicia e a importancia de visibilizar ás mulleres do sector da cultura, un dos grandes esquecidos.

Neste sentido, Carla Reyes Uschinsky explicou que “non resulta difícil atopar unha galega que reúna as condicións necesarias para facerlle este humilde recoñecemento, hai moitas mulleres brillantes, talentosas, con carreiras espectaculares, mesmo pioneiras”. A presidenta de Executivas de Galicia afirmou que a entidade está a experimentar un salto cualitativo, cunha masa crítica suficiente para trasladar propostas en todos os ámbitos que poidan achegar valor a Galicia”.

O galardón, que quere destacar aquelas traxectorias persoais ou profesionais que poñen en valor o liderado feminino, consistiu nunha escultura do artista galego Miguel Couto, denominada Muller, onde reflexiona sobre o triunfo persoal da muller.

Deste xeito, Isabel Dobarro súmase á crecente lista de galardoadas en anteriores edicións como son a bióloga Marisol Soengas, a CEO Adriana Dominguez, a comunicadora Silvia Jato e a científica África González.

O acto finalizou coa actuación da galardoada, que interpretará, o Preludio de Mel Bonis, Nocturno de Szymanowska, Ave María de Viardot (arr. Piano) e Estudo nº111 de Montfgeroult, que dará paso a un cóctel networking.

Traxectoria Profesional

A pesar da súa mocidade, Isabel Dobarro, conta cunha ampla carreira profesional con numerosos proxectos e premios internaciones, está considerada unha das pianistas españolas con máis proxección internacional e recentemente foi nomeada “Muller a Seguir na Cultura do ano 2021” e visiting Professor na London Performing Academy of Music en Londres (UK). Este periplo levouna a desenvolver a súa carreira concertística nos Estados Unidos, España, Rusia, Bélxica, Arxentina, Italia e Portugal.

Polo seu traballo na recuperación de obras de compositoras, foi convidada a falar e tocar o Concerto para Piano e Orquestra de Clara Schumann na Women Now Conference xunto á súa Maxestade a Raíña Letizia e Kathleen Kennedy. Ademais, foi nomeada para o Future Classic Woman Award en Londres. Así mesmo, no ano 2016, xunto á mezzo-soprano Anna Tonna, Isabel Dobarro gañou o premio New York Women Composers Seed Grant para a realización do Proxecto Women in Music, iniciativa que promove a música composta por mulleres tanto en Estados Unidos como en España, entre outros moitos proxectos.

Durante estes anos, impartiu masterclass en diferentes festivais de música e universidades e escribiu diferentes artigos, entre os que destaca a súa recente investigación sobre o papel da música nas obras da escritora Emilia Pardo Bazán. Así mesmo, está a preparar un libro sobre mulleres compositoras españolas que se presentará o próximo ano.

Ademais da súa faceta musical, Isabel Dobarro, é doutora pola New York University, na que empezou a impartir clases aos 19 anos como instrutora adxunta. Conta tamén con estudos previos inclúen Professional Studies Degree na Manhattan School of Music, Máster na New York Universityy Grao Superior de Pianoen o Real Conservatorio Superior de Música de Madrid. Nesta liña, conta cun curriculum académico extraordinario xa que, ademais de completar o Grao de Dereito pola UNED, realizou cursos de dereito na New York University SPS e de sustentabilidade na SDG Academy. Ten un certificado de Relacións Internacionais pola Universidade de Harvard, onde tamén recibiu un Certificado en Business na Harvard Business School HBX.

Fotos: @Agostime