Accessibility Tools

Executivas de Galicia será a anfitrioa do II Congreso EDA que se celebrará o 24 de febreiro de 2023 en Santiago de Compostela e que está dedicado á Sostibilidade e Innovación.

Desde hai anos, Executivas de Galicia forma parte de EDA (Empresarias e Directivas do Atlántico) xunto con outras asociacións do noroeste de España, a Asociación Mujer Siglo XXI de Mujeres Empresarias y Profesionales, con sede en Bilbao; a Asociación de Empresarias de Navarra; a Asociación de Mujeres y Empresarias de Cantabria; a Asociación de Mujeres Empresarias y Directivas de León; a Federación de Empresarias y Directivas de Asturias.

O Congreso EDA foi a unha iniciativa xurdida no ano 2020, xusto antes da pandemia e nesta segunda edición, o noso simposio leva o lema Súmate ao cambio sostible.

Desde Executivas de Galicia e demais asociacións somos conscientes da necesidade de apostar pola sustentabilidade desde unha tripla vertente: económica, social e ambiental. Por iso, eliximos esta cuestión como a premisa central do noso congreso, no que abordaremos tamén a innovación, a dixitalización e o impacto social da sustentabilidade.

Para poñelo en marcha seleccionamos, en calidade de moderadores e relatores, perfís de profesionais que abarcan diferentes sectores de actividade en empresas e organizacións que apostan pola sustentabilidade como bandeira e pedra angular sobre a que construír os seus proxectos.

As necesidades das pemes ao redor desta materia e os retos que nos marcan os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) son algunhas das cuestións que analizaremos neste congreso, que se celebrará no Hotel Oca Puerta del Camino en Santiago de Compostela durante o venres 24 de febreiro de 2023.

O congreso é gratuíto para as socias de Executivas e EDA.

Podes atopar o programa e toda a información na páxina web do Congreso.

EDA (Empresarias e Directivas do Atlántico)

EDA xorde para dar visibilidade ao colectivo de mulleres empresarias, directivas e autónomas do arco atlántico e do norte de España. Promovemos o seu empoderamento e a sororidade, defendendo en todo tipo de foros a igualdade profesional e salarial, así como a corresponsabilidade familiar.