Accessibility Tools

O programa Edureferentes, de Executivas de Galicia en colaboración coa Consellería de Cultura, Educación e Universidade, entra na parte final da súa proposta educativa cun gran éxito de participación e valoracións. Cabe destacar a implicación das Referentes Galegas, xa que máis de 70 delas participaron de forma activa tanto nas sesións conferencia como nas mentorías.

A actividade, que empezou no mes de febreiro, contou coa participación de mil alumnos e alumnas de entre 13 a 16 anos, dos 20 centros educativos que se inscribiron. Nesa primeira fase que finalizou esta semana, a actividade consistía en charlas informativas con dúas referentes como protagonistas. Trátase dunha actividade transversal na que os participantes, ademais de ter novos referentes, poidan traballar diferentes habilidades sociais e de comunicación co fin de achegar unha experiencia educativa e formadora. A proposta xurdiu ante a necesidade cubrir a falta de referentes femininos nas xeracións máis novas.

A segunda fase que xa está en marcha, son as mentorías, unha novidade que tiña este programa con respecto ao piloto. O obxectivo das mentorías é que as referentes galegas acompañen durante cinco sesións a cinco alumnos e alumnas de cada centro co fin de establecer unha relación de apoio e coñecementos.

EduReferentes, ten como obxectivo achegar ás aulas a mulleres referentes galegas en diferentes sectores profesionais, para que os alumnas e alumnos teñan exemplos aos que seguir e descubran novos ámbitos profesionais e de éxito.

As actividades propostas están deseñadas de forma innovadora pois buscan crear accións experienciales, xerar curiosidade e coñecementos de diferentes sectores e coñecer a referentes de diferentes sectores. Os centros participantes neste programa son: IES do Barral en Ponteareas, IES Valadares e IES Castelao de Vigo, IES Félix Muriel de Rianxo, IES de Vilamarín en Ourense, IES Fernando Esquío de Neda, IES Canido e IES Saturnino Montojo de Ferrol, CPI Arquitecto Palacios de Nigrán, IES A Pontepedriña de Santiago, IES Monterroso, CPI Plurilingüe Tino Grandío de Guntín, IES 12 de Outubro de Ourense, IES de Brión, IES Mendiño de Redondela, IES Plurilingüe Xosé Neira Vilas de Oleiros, CPI Armando Cotarelo Valledor de Boimorto, IES Cabo Ortegal de Cariño, CPI Plurilingüe Alfonso VII de Caldas de Reis, e IES Loureiro Olmo do Barco de Valdeorras.