Accessibility Tools

A Presidenta de Executivas de Galicia, Carla Reyes Uschinsky, o Alcalde de Vigo, Abel Caballero, a Presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva e a Secretaria Xeral de Igualdade, Susana López Abella, participaron no acto de presentación do programa Referentes Galegas que se celebro esta tarde na sede de Afundación en Vigo.

Un evento que contou cun completo programa e no que asistiron máis dun centenar de persoas, referentes en diversos sectores profesionais. A Presidenta de Executivas indicou que “estamos moi orgullosas de presentar este directorio xa que é a nosa achega para crear un auténtico inventario do talento feminino galego que seguiremos creando día a día”.

O acto que estivo presentado por Diana Nogueira, contou coa participación de Mónica Peláez e Lida Enrich, membros da Xunta Directiva de Executivas, que presentaron a ferramenta e o funcionamento da mesma, explicando ademais a valoración positiva e a visibilidade que conseguiron algunhas das referentes que forman parte do directorio. Ademais, animaron a seguir realizando propostas e sumando mulleres referentes ao proxecto.

A continuación, iniciouse unha mesa de debate coas Referentes Galegas, África González Fernández, Directora do Centrro de Investigacións Biomédicas, Andrea González Pérez, Directora do Festival IKFEM e Camiños Sonoros- Xacobeo 2021, Dores Galovart Carrera, maxistrada no Xulgado nº 12 de Familia de Vigo, e Tesa Díaz- Faes, Directora Corporativa de Comunicación de Grupo Nova Pescanova, que falaron sobre o papel do programa e as perspectivas de futuro da muller no ámbito profesional.

Tamén se visualizaron varios vídeos nos que algunhas das mulleres que xa forman parte do directorio deixaron diferentes mensaxes de apoio e agradecemento a esta iniciativa de Executivas de Galicia, como Ana J. Varela, Directora Financeira da OCDE, Marisol Soengas, Investigadora do CNIO, ou María Rúa Aguete, Directora Executiva en IHS Markit.

O punto final ao acto, foi a actuación musical de Carmen Penim e un coctel.

Referentes Galegas é o primeiro directorio que se crea co obxectivo de reunir polo menos a 500 mulleres profesionais destacadas e líderes en todos os ámbitos da sociedade galega. Trátase dunha ferramenta útil para que os medios de comunicación, as entidades de calquera índole ou os organizadores de foros e encontros poidan ter un espazo no que atopar a mulleres destacadas en todos os ámbitos profesionais e que poden achegar unha valoración experta.

Outro dos obxectivos do programa Referentes Galegas é dar visibilidade a todas as profesionais e que sirvan como unha referencia ou un modelo para seguir para as mozas galegas. “Desde Executivas identificamos a falta de visibilidade e a ausencia de modelos a seguir por parte das nosas nenas e mozas á hora de elixir a súa carreira profesional, sendo unha das barreiras máis importantes para conseguir a igualdade real” segundo explicou Carla Reyes.

CONVENIO CON UNIVERSIDADES

O programa conta co apoio das tres universidades de Galicia, no que mediante un convenio de colaboración asinado polos reitores da Universidade de Santiago de Compostela, Antonio López Díaz, o reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde Alonso, e o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa Roger, que se comprometeron a difundir o proxecto Referentes Galegas entre o alumnado e profesorado de cada un dos campus, ademais de colaborar na achega de nomes de mulleres destacadas no seu ámbito e vinculas á universidade.

Referentes Galegas é o primeiro directorio que se crea co obxectivo de reunir polo menos a 500 mulleres profesionais destacadas e líderes en todos os ámbitos da sociedade galega.