Executivas de Galicia e a Confederacion de Empresarios de Galicia asinaron un convenio de colaboración para dar difusión ao programa Referentes Galegas. Deste xeito, dáse un paso importante para dar a coñecer a mulleres profesionais de diferentes sectores no ámbito empresarial.

Referentes Galegas é un gran inventario vivo das mulleres que, pola súa traxectoria e pola súa valía, poden ser modelos a seguir para o resto das galegas. O obxectivo deste directorio é que sirva de “ferramenta práctica” para dar a coñecer as profesionais de diferentes sectores, ás que poidan acceder organismos, asociacións, empresas ou outros, cando precisen dunha intervención profesional, dunha valoración, dunha participación en mesas redondas, xornadas, mesas de debate nos medios, xurados, etc. Máis de 300 profesionais de diferentes sectores forman parte xa deste directorio.

Coa firma deste convenio a CEG comprométese a utilizar o directorio nas actividades que organiza cando necesite da participación de profesionais de distintos sectores en xornadas, mesas redondas, etc; a facilitar á asociación os nomes daquelas mulleres vinculadas á patronal galega que poidan ser referentes no seu ámbito de traballo; e a colaborar na difusión do proxecto entre os seus asociados.

Este convenio súmase aos xa asinados coas tres universidades galegas co obxectivo de difundir este directorio de mulleres referentes galegas.