Accessibility Tools

Executivas de Galicia e a Asociación de Empresarios Gallegos en Madrid (AEGAMA) asinaron un convenio de colaboración para dar difusión ao programa “Referentes Galegas”. Con este acordo estréitanse lazos de colaboración fóra de Galicia.

Coa firma deste convenio AEGAMA comprométese a utilizar o directorio nas actividades que organiza cando necesite da participación de profesionais de distintos sectores en xornadas, mesas redondas, etc; a facilitar á asociación os nomes daquelas mulleres vinculadas a AEGAMA que poidan ser referentes no seu ámbito de traballo; e a colaborar na difusión do proxecto entre os seus asociados.

Este convenio súmase aos xa asinados coas tres universidades galegas e con Confederación de Empresarios de Galicia co obxectivo de difundir este directorio de mulleres referentes galegas

Referentes Galegas é o primeiro directorio que se crea co obxectivo de reunir polo menos a 500 mulleres profesionais destacadas e líderes en todos os ámbitos da sociedade galega. Trátase dunha ferramenta útil para que os medios de comunicación, as entidades de calquera índole ou os organizadores de foros e encontros poidan ter un espazo no que atopar a mulleres destacadas en todos os ámbitos profesionais e que poden achegar unha valoración experta. Máis de 300 profesionais de diferentes sectores forman parte xa deste directorio.