O pasado 22 de xuño a presidenta de Executivas de Galicia, Carla Reyes Uschinsky reuniuse co Director Xeral de CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo para presentar as distintas actividades e proxectos levados a cabo pola Asociación Executivas de Galicia, entre eles Referentes Galegas.

Entre outros temas preténdese establecer un convenio de colaboración entre ambas as entidades para promocionar Referentes Galegas, de maneira que os xornalistas de Televisión de Galicia e Radio Galega poidan utilizar este directorio como unha ferramenta de procura de expertas profesionais en distintas materias e sectores que poidan participar en mesas de debate, mesas redondas,… nas que se requira da participación, a colaboración ou información dunha profesional, xa sexa como relatora, como colaboradora, como experta ou simplemente como persoa de referencia para unha consulta.

Trátase dunha iniciativa para avanzar en materia de paridade na participación das mulleres expertas nos medios de comunicación públicos.

Máis colaboracións

Este convenio de colaboración sumarase aos que se asinarán tamén coa CEG (Confederación de empresarios de Galicia) e AEGAMA (Asociación de Empresarios Galegos de Madrid).

O pasado 11 de maio a presidenta Carla Reyes Uschinsky, acompañada de Beatriz García reuniuse con Juan Vieitez, Presidente da CEG (Confederación de empresarios de Galicia) para dar a coñecer as distintas actividades e proxectos postos en marcha por Executivas de Galicia. O día 20 do mesmo mes tivo lugar a reunión con Julio Lage, presidente de AEGAMA (Asociación de Empresarios Galegos de Madrid).