Accessibility Tools

Executivas de Galicia estivo presente na cerimonia de entrega da IV Edición dos Premios Mulleres no Foco, un evento que recoñece a contribución das mulleres no sector audiovisual. A gala, celebrada no auditorio de Afundación en Pontevedra, e promovida pola Deputación de Pontevedra, xunto coa Asociación de Mulleres Cineastas e Medios Audiovisuais (CIMA), puxo en valor o traballo e a traxectoria de Jaione Camborda, Lidia Fraga e Nati Juncal.

Carla Reyes Uschinsky, presidenta de Executivas de Galicia, e María del Carmen López, do proxecto Referentes Galegas, apoiaron este recoñecemento ao papel da muller na construción dunha industria audiovisual máis igualitaria e diversa.

A cerimonia contou coa presenza de Luis López, presidente da Deputación de Pontevedra, José López Campos, conselleiro de Cultura, e Fabiola García, conselleira de Política Territorial e Igualdade, ademais de representantes institucionais da provincia e membros do sector audiovisual, encabezados por Beatriz Mbula, directiva de CIMA.

A gala, conducida por Carmen Méndez, Ledicia Sola e Marta Doviro, estivo amenizada pola música das Tanxugueiras e a compañía Pablo Méndez Performance.

Durante a súa intervención, Luis López salientou que as galardoadas non só crean historias a través do seu traballo, senón que tamén escriben o guión real da igualdade no sector. “Estamos ante unha longametraxe colectiva que aínda non chegou ao seu fin: a conquista da igualdade real e efectiva”, afirmou.

O evento concluíu cun chamamento para seguir impulsando a presenza feminina no audiovisual, consolidando os Premios Mulleres no Foco como un referente na promoción do talento feminino.

Privacy Overview

This website uses cookies so that we can provide you with the best user experience possible. Cookie information is stored in your browser and performs functions such as recognising you when you return to our website and helping our team to understand which sections of the website you find most interesting and useful.