Accessibility Tools

A presidenta de Executivas de Galicia, Carla Reyes Uschinsky, participou na presentación do primeiro Máster en Igualdade de Oportunidades e Xénero na Empresa que desenvolve a Universidade de Santiago de Compostela, a través da Fundación Campus Universitario de Lugo, a facultade de Relacións Laborais e Recursos Humanos do campus de Lugo, Executivas de Galicia e Xunta de Galicia.

A formación en igualdade de oportunidades e xénero non só dá a oportunidade de avanzar cara a unha sociedade máis xusta e equitativa, senón de incrementar a competitividade das empresas que apostan pola diversidade e o talento nas súas políticas de recursos humanos. Por este motivo, este Máster Propio ofrece ao alumnado unha complexa e práctica formación multidisciplinar en diferentes ámbitos relacionados coa igualdade real de oportunidades, centrándose especialmente no mundo da empresa.

O prazo de inscrición para solicitar a matrícula deste máster online péchase o 31 de agosto de 2019. A formación terá unha duración de 1500 horas que se desenvolven entre outubro de 2019 e xuño de 2020, e poderase fraccionar o pago da matrícula en catro prazos.

Esta formación será impartida por docentes titulados con ampla traxectoria profesional, docente, investigadora e con ampla experiencia nos temas referentes á igualdade de oportunidades e xénero.

Para máis información pode consultar a páxina da Escola Universitaria Relacións Laborais Lugo, chamar ao teléfono: 982 82 48 00 ou enviar un e-mail a: maría.gomez@usc.es.