O pasado 17 de xullo, Executivas de Galicia acompañou á subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, na presentación da campaña #NocaminasSola, “Camiño libre de violencia machistas”. Dita presentación fíxose na aldea de Ribadiso, concello de Arzúa.
O obxectivo da campaña é reforzar a protección das mulleres que fan o camiño de Santiago por calquera dos roteiros xacobeos e que representan xa o 53 % do total dos peregrinos e para iso están implicadas as delegacións do goberno en Aragón, Navarra, A Rioxa, Castela e León e Galicia, sendo este 2024 xa o terceiro ano que leva a cabo. Neste sentido, Galicia conta xa con 763 puntos nos que as peregrinas poden consultar a información e recursos dos que se dispón para previr calquera tipo de violencia machista no camiño. Entre os recursos dispoñibles destaca a app AlertCops que permite comunicar alertas en tempo real e enviar a xeolocalización para calquera emerxencia.
No devandito acto estaban tamén representados, ademais de Executivas de Galicia, o propio Concello de Arzúa, Colexio de Farmacéuticos, Garda Civil, Policía Nacional, Confederación de Empresarios de Galicia e Asociación de Empresarias de Galicia, asistindo tamén representantes da hostalería e do comercio local.