África González, Sonia Villapol e Mónica Cartelle son as primeiras participantes deste evento que se celebra o mércores 17 e que terá carácter mensual.

Executivas de Galicia presenta os Meet Up Referentes Galegas, un espazo de encontro en liña e comunicación con mulleres referentes galegas de diferentes sectores. O primeiro deles, é o vindeiro mércores 17 de febreiro ás 18:30 horas, e baixo o título Avances e desenvolvemento científico en tempos de Covid-19 contará coa presenza de tres científicas internacionais e que forman parte do programa Referentes Galegas: África González, Mónica Cartelle e Sonia Villapol.

África González é catedrática en Inmunoloxía. Incorpórase á Universidade de Vigo en 1996 para iniciar unha área nova en Inmunoloxía, única en Galicia. Foi directora do Centro de Investigacións Biomédicas (CINBIO), presidenta da Sociedade Española de Inmunoloxía e é académica da Real Academia de Farmacia de Galicia desde 2019. Copromotora da empresa NanoInmunoTech.

Mónica Cartelle, doutora en Microbiología, pola Universidade da Coruña. Trasladouse a USA, onde primeiro traballou como Investigadora Postdoutoral no Departamento de Enfermidades Infecciosas de UGA, University of Xeorxia. Actualmente, é profesora en LSU Health Shreveport, onde o seu grupo (Gestal Lab) céntrase en entender como as bacterias manipulan a resposta immune para causar infección.

Sonia Villapol licenciada en Bioloxía Molecular e Biotecnoloxía pola Universidade de Santiago de Compostela. Desenvolve o seu traballo en Estados Unidos onde foi profesora de Neurociencias na Universidade de Georgetown en Washington D. C.. Actualmente é investigadora principal do Centro de Neuroregeneración do Instituto de Investigación do Hospital Methodist en Texas, e profesora do Weill Cornell Medical College de Nova York. Ademais, é membro do equipo de investigación internacional COVID-19, COVirt. org, onde coordina o equipo de neurocientíficos que analiza como afecta o coronavirus ao sistema nervioso.

Meet Up Referentes Galegas

Con esta actividade que se celebrará o terceiro mércores de cada mes, Executivas busca crear un espazo aberto de conversación, intercambio de ideas, e espazo de reflexión, nos que as Referentes son o fío condutor e no que se desenvolvan temas de actualidade.

En cada MeetUp Referentes Galegas, serán protagonistas varias referentes, cun tema en común de actualidade e no que reflictan as oportunidades que xerou a Covid-19 no seu sector. Os primeiros 30 minutos serán de exposición do tema de debate/proposta por parte da Referente, sempre nun ton distendido e ameno, que dará paso á conversación, pequeno debate, preguntas ou propostas das persoas participantes. Trátase de aprender de novas situacións, novas oportunidades e que sirvan de exemplo para outras moitas persoas.

A plataforma desde onde se realizan os encontros será Zoom. Vai limitar o número de asistentes para poder xerar ese espazo de debate e as persoas interesadas terán que inscribirse previamente.