O pasado 26 de febreiro, Executivas de Galicia presentou no Auditorio 1 do Edificio CINC da Cidade da Cultura (Santiago de Compostela) o seu novo programa Executivas Junior, unha iniciativa de mentoring e acompañamento deseñada para apoiar a mulleres novas nos seus primeiros pasos no mundo profesional.
O acto foi presidido por Carla Reyes Uschinsky, presidenta de Executivas de Galicia, e contou coa presenza de Pablo Fernández López, Secretario Xeral de Emprego e Relacións Laborais, e Lara Meneses Álvarez, Directora Xeral de Xuventude. O evento permitiu expoñer esta nova iniciativa, que ten como obxectivo principal acompañar a mulleres novas de entre 20 e 35 anos no inicio da súa traxectoria profesional, axudándoas a crecer, conectarse e atopar o seu camiño.
O programa está pensado para aquelas mozas que estean a finalizar ou completasen os seus estudos de Formación Profesional Superior ou Grao Universitario, e que aínda non se incorporaron ao mercado laboral ou estean nos seus primeiros anos de experiencia. Trátase dunha aposta ideal para quen soña con emprender e busca un empuxón extra que lle permita lanzarse.
Executivas Junior busca ser esa ponte que conecta o mundo académico co profesional, abrindo as portas a oportunidades reais. Para iso, establécense diferentes actividades como o mentoring, os networking ou unha bolsa de prácticas.
“Queremos que cada muller que forma parte de Executivas Junior senta que non está soa, que ten referentes, oportunidades e unha comunidade disposta a acompañala nos seus primeiros pasos”, indicou Carla Reyes Uschinsky, presidenta de Executivas.
Ángela Taboada resaltou os desafíos aos que se enfrontan as mulleres no ámbito profesional para reforzar a necesidade de iniciativas como Executivas Junior “Porque aínda nos preguntan a idade, e se somos demasiado mozas dubidan da nosa capacidade, pero se nos ven maiores, tamén. Porque nos seguen convidando a pousar na foto para mellorar a paridade, pero non nos ceden a palabra na mesa.“
Red de apoyo y formación clave para el éxito
A rede de networking é outro dos grandes valores do programa, xa que todas as mozas que se inscriban e participen dispoñerán dun acceso directo á sólida comunidade de Executivas de Galicia , con máis de 300 socias pertencentes a todos os sectores laborais.
Conectar é clave, pero tamén o é formarse e estar preparado para os retos do mundo laboral. Por iso, Executivas Junior ofrece formación específica que inclúe desde contidos básicos para afrontar con confianza os primeiros pasos profesionais ata talleres especializados en habilidades brandas e liderado.
Tamén está previsto facilitar o acceso a unha bolsa de prácticas en empresas lideradas por socias de Executivas de Galicia e en entidades colaboradoras, co que se axudará a ter unha primeira experiencia laboral de calidade fundamental para crecer profesionalmente.
Con este programa, Executivas de Galicia reafirma o seu compromiso de seguir tendendo a man ao talento feminino e de crear espazos reais de apoio, crecemento e conexión.