Accessibility Tools

Este recoñecemento pon en valor a figura de dúas mulleres pioneiras e que desenvolveron unha importante traxectoria profesional

IX PREMIO EXECUTIVAS DE GALICIA

A presidenta de Executivas, Carla Reyes Uschinsky, e o conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González Vázquez, entregaron na tarde do 4 de outubro o Premio Executivas 2024 a María Emilia Casas Baamonde, referente en ámbito xurídico e que conta cunha prestixiosa traxectoria profesional xa que foi a primeira muller Catedrática de Dereito do Traballo e Seguridade Social de España, o membro máis novo ingresado no Tribunal Constitucional e a primeira muller en presidilo do 2004 ao 2010.

No acto celebrado no edificio CINC da Cidade da Cultura, presentado por Diana Nogueira, participaron numerosas representantes da administración, políticos, de organizacións empresariais, as universidades e, por suposto, as socias e Referentes de Executivas de Galicia. Con este galardón, Executivas de Galicia, recoñece a traxectoria e o papel tan destacado de María Emilia Casas Baamonde, que se converteu nunha das maiores expertas e referentes a nivel nacional no ámbito do dereito laboral. Carla Reyes Uschinsky sinalou que “estes premios son unha das citas máis esperadas de Executivas xa que poñen en valor o papel de mulleres que marcaron un camiño e son referentes para moitas outras” ademais de anunciar “que este ano temos a novidade de que se entregan dous premios”. A premiada, Emilia Casas, agradeceu este recoñecemento e manifestou a súa importancia social que teñen asociacións como Executivas e o gran labor que están a facer no ámbito profesional das mulleres.

Emilia Casas Baamonde, súmase ás xa premiadas en anteriores edicións como son a empresa Lonza Biologics, a pianista Isabel Dobarro, a bióloga Marisol Soengas, a CEO Adriana Domínguez, a comunicadora Silvia Jato, a científica África González, a empresaria María del Carmen Canal de Aceites Abril ou a piragüista Teresa Portela.

I PREMIO EXECUTIVAS INTERNACIONAL

A principal novidade deste evento foi o primeiro premio Executivas de Galicia internacional, que este ano recaeu en Ana J. Varela, directora Financeira da OCDE, pola súa brillante carreira profesional e por ser unha excelente embaixadora da asociación Executivas de Galicia á que apoia en canto pode e polas súas actividades na loita pola igualdade.
O obxectivo desta nova categoría é recoñecer a mulleres galegas que destaquen pola súa proxección internacional, xa que son moitas as que están a desenvolver a súa carreira profesional fóra de Galicia e España.

A vicepresidenta de Executivas, Carmen Costas Martínez, e o presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca fixeron entrega do I Premio Executivas Internacional.

Ana J. Varela agradeceu este recoñecemento e manifestou “estar feliz por apoiar e formar parte de Executivas de Galicia, que foi crecendo e converteuse nunha entidade con identidade propia e referente.”

O galardón, que quere destacar aquelas traxectorias persoais ou profesionais que poñen o valor o liderado feminino, consistiu nunha escultura do artista galego Miguel Couto, denominada Fémina, onde reflexiona sobre o triunfo persoal da muller.

O acto finalizou cunha actuación musical e un cóctel networking.