Accessibility Tools

A Presidenta de Executivas de Galicia, Carla Reyes Uschinsky, asinou esta mañá un convenio de colaboración cos reitores das tres universidades galegas para o desenvolvemento do programa Referentes Galegas.

No acto participaron os reitores da Universidade de Santiago de Compostela, Antonio López Díaz, o reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde Alonso, e o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa Roger, que se comprometeron a difundir o proxecto Referentes Galegas entre o alumnado e profesorado de cada un dos campus, ademais de colaborar na achega de nomes de mulleres destacadas no seu ámbito e vinculas á universidade.

Referentes Galegas é o primeiro directorio que se crea co obxectivo de reunir polo menos a 500 mulleres profesionais destacadas e líderes en todos os ámbitos da sociedade galega. Trátase dunha ferramenta útil para que os medios de comunicación, as entidades de calquera índole ou os organizadores de foros e encontros poidan ter un espazo no que atopar a mulleres destacadas en todos os ámbitos profesionais e que poden achegar unha valoración experta.