Accessibility Tools

O pasado 3 de febreiro APE, (Autónomos e Pequenas Empresas de Galicia) e Executivas de Galicia asinaron un convenio de colaboración que permitirá ás socias acceder aos servizos de asesoramento e os numerosos cursos de formación que imparte APE.

O acordo foi asinado pola presidenta de Executivas de Galicia, Carla Reyes Uschinsky e o presidente de APE, José Ramón Caldas, na sede que APE ten en Pontevedra.

O acordo asínase, segundo afirmou Carla Reyes Uschinsky, “nun momento onde tanto os autónomos como as pequenas empresas necesitan información rigorosa sobre as novas normativas que entran en vigor”, un exemplo é as novas regras para establecer as bases de cotización dos autónomos.

Pola súa banda, José Ramón Caldas destacou o importante que é para APE Galicia traballar conxuntamente con Executivas de Galicia para dar visibilidade ao papel das mulleres empresarias e directivas, ademais de servir para axuntar forzas e coñecementos e seguir traballado para promover a igualdade de xénero nas empresas, a conciliación e o apoio á muller na incorporación ao mercado laboral.

Executivas de Galicia é unha entidade que agrupa a máis de 300 mulleres profesionais e empresarias de toda Galicia, unha entidade con 10 anos de traballo que conseguiu situarse como referente en materia de igualdade de oportunidades entre mulleres e homes.