Accessibility Tools

É un todo un fito que a asociación pase a formar parte do Pacto Mundial das Nacións Unidas, unha rede de miles de empresas comprometidas con prácticas empresariais responsables e sostibles

A través desta afiliación, Executivas de Galicia reafirma o seu compromiso cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible da ONU e a súa determinación para promover prácticas empresariais responsables e sostibles

En Coruña a maio de 2023. Executivas de Galicia uniuse ao Pacto Mundial das Nacións Unidas, unha rede de miles de empresas comprometidas a aliñar as súas estratexias con Dez Principios universalmente aceptados nas áreas de dereitos humanos, normas laborais, medioambiente e transparencia.

O compromiso da asociación coa sustentabilidade vén de atrás. No mes de febreiro, Executivas de Galicia organizou o II Congreso EDA (Empresarias e Directivas do Atlántico) baixo o lema “Súmate al cambio sostenible”. O evento reuniu a asociacións de mulleres empresarias e directivas do norte de España ao que asistiron un centenar de profesionais de diferentes ámbitos. Participaron as entidades Asociación Mujer Siglo XXI, aAsociación de Mujeres Empresarias y Directivas de Navarra (Amedna), aAsociación de Mujeres y Empresarias de Cantabria (Admec), a Asociación de Mujeres Empresarias y Directivas de León (ASELE) e a Federación de Empresarias y Directivas de Asturias (FEDA).O congreso abriu un espazo para reflexionar sobre a importancia de abrazar o cambio sostible no mundo empresarial e como facelo realidade, a través dalgúns dos maiores expertos en Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS).

Os principios da organización alíñanse con algúns dos 17 obxectivos de desenvolvemento sostible do plan de acción Axenda 2030. Tanto o obxectivo cinco, que trata a igualdade de xénero, non só como un dereito humano fundamental, senón como a base necesaria para conseguir un mundo pacífico, próspero e sostible; como o obxectivo dezasete, que fala da necesidade de alianzas para o avance equilibrado da sociedade. En palabras da presidenta da asociación, Carla Reyes Uschinsky, “Esta adhesión é un paso importante na nosa misión á hora de fomentar o liderado feminino e a igualdade de xénero no ámbito empresarial e profesional de Galicia. A través da nosa afiliación ao Pacto Mundial, reafirmamos o noso compromiso cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible da ONU e a nosa determinación para promover prácticas empresariais responsables e sostibles. Esperamos traballar da man con outras organizacións e empresas para crear un futuro máis xusto e sostible para todos”.

Executivas de Galicia
Executivas de Galicia é unha asociación aberta de mulleres profesionais que exercen en diferentes ámbitos executivos e directivos, tanto públicos como privados. Unidas para colaborar e crear unha rede de apoio que visualice e impulse ao empoderamento feminino como motor de futuro e axente crave no desenvolvemento socioeconómico de Galicia.

A asociación promove o liderado da muller en todas as súas áreas coa intención de amplificar a súa voz alí onde aínda non se oe coa intensidade necesaria e para crear un espazo colectivo onde compartir experiencias, emprender accións e tecer alianzas que axuden ao crecemento profesional e persoal das mulleres.

Pacto Mundial

O Pacto Mundial de Nacións Unidas é a iniciativa da ONU que lidera a sustentabilidade empresarial no mundo. Conta con máis de 20 anos de experiencia e máis de 70 redes locais a nivel global, entre as que se atopa a española que é, desde a súa creación, unha das primeiras plataformas nacionais do Pacto Mundial e a rede local con maior número de entidades adheridas, con máis de 2.100 asociadas. Destas, o 21% son grandes empresas, o 61% son pemes e o 18% son outro tipo de entidades (terceiro sector, asociacións empresariais e institucións educativas). O seu obxectivo é fomentar a implantación dos Dez Principios do Pacto Mundial ao mesmo tempo que promove a integración dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible no sector empresarial, sendo a única organización que conta co mandato de Nacións Unidas para este propósito.