Accessibility Tools

Executivas destaca a necesidade de dar visibilidade ás mulleres que desenvolven a súa carreira profesional no ámbito da cultura.

O premio entregarase nun acto no mes de febreiro en Santiago de Compostela.

Executivas de Galicia elixiu á pianista e referente internacional, Isabel Dobarro, para recibir o Premio Executivas 2021. Con este galardón recoñece a prestixiosa traxectoria profesional dunha muller que se caracteriza polo seu esforzo, profesionalidade e talento. Destaca o seu traballo na recuperación de obras de compositoras que quedaron no esquecemento.

Ademais, Isabel Dobarro, forma parte do directorio Referentes Galegas xunto a máis de 300 mulleres galegas destacadas nas súas respectivas áreas profesionais.

A pesar da súa xuventude, Isabel Dobarro, conta cunha ampla carreira profesional con numerosos proxectos e premios internaciones, está considerada unha das pianistas españolas con máis proxección internacional e recentemente foi nomeada “Muller a Seguir na Cultura do ano 2021” e visiting Professor na London Performing Academy of Music en Londres ( UK). Este periplo levouna a desenvolver a súa carreira concertística nos Estados Unidos, España, Rusia, Bélxica, Arxentina, Italia e Portugal.

Polo seu traballo na recuperación de obras de compositoras, foi convidada a falar e tocar o Concerto para Piano e Orquestra de Clara Schumann na Women Now Conference xunto á súa Maxestade a Raíña Letizia e Kathleen Kennedy. Ademais, acaba de ser nomeada para o Future Classic Woman Award en Londres. Así mesmo, no ano 2016, xunto á mezzo-soprano Anna Tonna, Isabel Dobarro gañou o premio New York Women Composers Seed Grant para a realización do Proxecto Women in Music, iniciativa que promove a música composta por mulleres tanto en Estados Unidos como en España, entre outros moitos proxectos.

Durante estes anos, impartiu masterclass en diferentes festivais de música e universidades e escribiu diferentes artigos, entre os que destaca a súa recente investigación sobre o papel da música nas obras da escritora Emilia Pardo Bazán. Así mesmo, está a preparar un libro sobre mulleres compositoras españolas que se presentará o próximo ano.

Ademais da súa faceta musical, Isabel Dobarro, é doutora pola New York University. Nesta universidade empezou a impartir clases aos 19 anos como Instrutora Adxunta. Estudos previos inclúen Professional Studies Degree na Manhattan School of Music, Máster na New York Universityy Grao Superior de Piano no Real Conservatorio Superior de Música de Madrid.

Ademais de completar o Grao de Dereito pola UNED, realizou cursos de dereito na New York University SPS e de sustentabilidade na SDG Academy. Ten un certificado de Relacións Internacionais pola Universidade de Harvard, onde tamén recibiu un Certificado en Business na Harvard Business School HBX.

Nas edicións anteriores do premio Executivas, as galardoadas foron: a científica e investigadora do CNIO Marisol Soengas, que recibiu o premio no ano 2017. No 2018 foi a empresaria e presidenta de Adolfo Domínguez, Adriana Domínguez. No ano 2019 a presentadora e comunicadora Silvia Jato e no ano 2020 a investigadora e inmunóloga África González.