Accessibility Tools

A Asociación Executivas de Galicia elixiu á investigadora en inmunología África González para recibir o Premio Executivas 2020.

Nesta ocasión o galardón recoñece a prestixiosa traxectoria profesional dunha muller que, ademais, nos últimos meses tivo un papel destacado nos medios de comunicación como divulgadora científica, debido á pandemia do Covid-19.

África González forma parte do directorio Referentes Galegas xunto a máis de 300 mulleres galegas destacadas nas súas respectivas áreas profesionais e tamén se incorporou a Executivas de Galicia este mesmo ano.

A súa longa carreira científica, os diversos premios e recoñecementos, como o último: a súa incorporación á Real Academia de Farmacia, son razóns máis que suficientes para outorgarlle este galardón, pero tamén as socias de Executivas recoñecen o seu espírito colaborador, a súa calidez humana e o seu compromiso co liderado feminino de maneira xeral e, en particular no ámbito da ciencia, onde aínda hai moito camiño por percorrer.

África González especializouse en Inmunoloxía na Clínica Puerta de Hierro de Madrid e posteriormente realizou unha estancia postdoutoral co Dr. César Milstein (premio Nobel pola técnica de obtención dos anticorpos monoclonales) no MRC de Cambridge. Incorpórase á Universidade de Vigo en 1996 para iniciar unha área nova en Inmunoloxía, única en Galicia. É Catedrática de Inmunoloxía e ten a consideración de grupo de Referencia Competitiva (Xunta de Galicia).

Foi directora do Centro de Investigacións Biomédicas (CINBIO) “Centro de excelencia de investigación de Galicia” da Universidade de Vigo (2009-2019). Foi presidenta da Sociedade Española de Inmunoloxía (2016-2020) e é Académica correspondente da Real Academia de Farmacia de Galicia desde 2019.

Co-promotora da empresa NanoImmunoTech. Foi nomeada aos premios Women Innovator 2017 pola Comisión Europea. Foi galardoada co Premio Muller científica en 2018.

Nas edicións anteriores do premio Executivas, as galardoadas foron: a científica e investigadora do CNIO Marisol Soengas, que recibiu o premio no ano 2017. No 2018 foi a empresaria e presidenta de Adolfo Domínguez, Adriana Domínguez, e o ano pasado, a presentadora e comunicadora Silvia Jato.

O premio entregarase nun acto no mes de decembro en Santiago de Compostela, nun formato mixto, respectando as medidas de seguridade establecidas pola Administración.