Accessibility Tools

Executivas de Galicia participa na organización do primeiro Máster Propio en Igualdade de Oportunidades e Xénero na Empresa que desenvolve a Universidade de Santiago de Compostela, a través da Fundación Campus Universitario de Lugo, a facultade de Relacións Laborais e Recursos Humanos do campus de Lugo e Xunta de Galicia.

O prazo de inscrición para solicitar a matrícula deste máster online péchase o 31 de agosto de 2019. A formación terá unha duración de 1500 horas que se desenvolven entre outubro de 2019 e xuño de 2020, e poderase fraccionar o pago da matrícula en catro prazos.

Esta formación será impartida por docentes titulados con ampla traxectoria profesional, docente, investigadora e con ampla experiencia nos temas referentes á igualdade de oportunidades e xénero.

A formación en igualdade de oportunidades e xénero non só nos dá a oportunidade de avanzar cara a unha sociedade máis xusta e equitativa, senón de incrementar a competitividade das empresas que apostan pola diversidade e o talento nas súas políticas de recursos humanos. Por este motivo, este Máster Propio ofrece ao alumnado unha complexa e práctica formación multidisciplinar en diferentes ámbitos relacionados coa igualdade real de oportunidades, centrándose especialmente no mundo da empresa.

Para máis información pode consultar a páxina da Escola Universitaria Relacións Laborais Lugo, chamar ao teléfono: 982 82 48 00 ou enviar un e-mail a: maría.gomez@usc.es.

Máster Propio en Orientación Laboral Online

Doutra banda, a Escola de Relacións Laborais da USC, tamén desenvolve o Máster Propio en Orientación Laboral online dirixido a titulados universitarios con e sen experiencia laboral e a profesionais que traballan no campo da inserción laboral e o emprego. O programa ten 1500 horas e desenvolverase entre os meses de outubro do 2019 ata xuño do 2020.

O Máster Propio en Orientación Laboral ofrece ao alumnado a formación adecuada para desenvolver esta carreira profesional desde un punto de vista innovador, con contidos completos e variados, introducindo un perfil competencial que capacita aos estudantes para analizar o mercado de traballo e identificar as oportunidades e nichos existentes, para desenvolver con axilidade a intermediación entre as empresas e os recursos humanos que necesitan; ofrecer unha orientación integral e personalizada aos diferentes colectivos en situación de desemprego, para conseguir a súa efectiva incorporación ao mercado laboral e o seu desenvolvemento profesional integral mellorando a súa empregabilidade e proporcionar o asesoramento necesario aos futuros emprendedores.
O prazo de inscrición está aberto ata o 31 de agosto de 2019 e ofrécese a posibilidade de facer o pago fraccionado.