Para iso, ademais de crear un logo específico, deseñáronse diferentes actividades mensuais como meet- up ou networking

Executivas de Galicia está de celebración xa que este ano 2021 conmemórase os dez anos desde a súa fundación e, aínda que a situación restrinxe as actividades presenciais, deseñouse un calendario de actividades mensuais que permita unir ás socias, referentes e sociedade en xeral.

É unha asociación de mulleres profesionais que desenvolve e apoia múltiples actuacións co obxectivo de incrementar a visibilidade e recoñecemento da muller en todos os sectores, así como a igualdade de oportunidades e a mellora das oportunidades de emprego.

En palabras da presidenta, Carla Reyes, “convertemos a esta pequena asociación nun referente en materia de igualdade en Galicia e fóra dela. Conseguimos o recoñecemento da administración pública, das universidades, de entidades financeiras, de Deputacións e Concellos que recoñecen en Executivas o bo facer en favor da igualdade de oportunidades para as mulleres profesionais.”

O balance destes dez anos de arduo traballo non pode ser mellor, máis de 250 socias, numerosos proxectos en colaboración coa administración, programas de emprego para mulleres novas, xornadas formativas, encontros networking mensuais en diferentes puntos de Galicia, encontros informativos, difusión e visibilidade das asociadas e, non podía faltar, un dos programas máis destacados dos últimos anos en Galicia, Referentes Galegas.

Son moitos os logros obtidos o que impulsa a Executivas a seguir co seu labor en materia de igualdade adaptándose ás necesidades do momento. Executivas pensa en futuro e, neste sentido, vai poñer o foco nas mulleres e o emprego feminino e na protección tanto das profesionais por conta propia como por conta allea, principais afectadas pola crise económica motivada pola pandemia.

Actividades X Aniversario

Para celebrar este décimo aniversario deseñáronse actividades mensuais que poñan en valor e axuden a visibilizar ás socias e referentes reforzando os lazos desta gran comunidade. Unha das novidades son os encontros “ Meet up Referentes Galegas” un espazo de encontro no que as protagonistas serán mulleres referentes de diferentes sectores que expoñan o seu punto de vista sobre situacións actuais nun ambiente distendido. Celebraranse unha vez ao mes, con diferentes temáticas e abertos ao público coa finalidade de poder establecer canles de comunicación directos con estas profesionais referentes.

Outra das actuacións previstas é a creación de varios foros de emprego feminino en colaboración con distintas administracións, un evento no Camiño de Santiago con socias e referentes e os clásicos networking, ambos no momento que estean permitidos.

As actividades están pensadas en formato en liña, aínda que non se perde de vista, realizar un acto oficial presencial nos meses de verán, sempre adaptándose ás normativas de seguridade e saúde.