Directivas, emprendedoras e mozas profesionais participarán nun congreso que combinará reflexión, inspiración e oportunidades de conexión.
En Executivas de Galicia celebramos o noso primeiro congreso reafirmando o noso compromiso co liderado feminino. O próximo 12 de novembro reuniremos no Hostal dous Reis Católicos de Santiago de Compostela a referentes do ámbito empresarial, institucional e académico nun gran congreso dedicado a impulsar o papel das mulleres na economía e a sociedade galega.
Desde a súa creación, Executivas de Galicia fomos un punto de encontro para directivas, emprendedoras e profesionais que apostan por un modelo de liderado máis diverso e sostible. Case tres lustros despois, organizamos un evento conmemorativo que non só mira ao pasado, senón que proxecta o futuro do liderado feminino en Galicia.
Baixo o lema “15 anos sementando referentes”, o encontro contará coa participación de empresarias, mentoras, mozos profesionais e expertas que debaterán sobre innovación, sustentabilidade, benestar e liderado con perspectiva de xénero a través de diversas mesas redondas con diversas temáticas:
-
- Conversacións entre Juniors e Referentes
- O valor das persoas e o seu benestar
- O valor do rural en Galicia
- Importancia das alianzas entre entidades
Nesta xornada, tamén se realizará a entrega dos Premios Executivas de Galicia 2025, cos que a asociación distingue a mulleres e colectivos que contribúen ao avance do liderado feminino. Nesta X edición, o premio individual recoñecerá a Dora Casal, directora executiva de Roberto Verino, mentres que o galardón colectivo recaerá en Mulleres de Seu, polo seu labor de visibilidade e empoderamento das mulleres do rural.
Ademais, a pianista e compositora Elsa Muñiz poñerá a nota artística á xornada cunha actuación musical, seguida dun cóctel de networking e sesións de speed mentoring, do programa Executivas Junior, co obxectivo de xerar conexións entre profesionais de distintas xeracións e sectores.
Podes atopar o programa completo e recoller a túa entrada na ligazón que aparece máis abaixo.