Accessibility Tools

O acto celebrouse no Hotel Oca Puerta del Camino e contou coa clausura do vicepresidente segundo da Xunta, Francisco Conde e un vídeo do presidente, Alberto Núñez Feijoo.

Executivas de Galicia celebrou este venres 25 de xuño o acto de conmemoración do décimo aniversario da súa fundación. O evento, ao que asistiron preto de duascentas persoas, entre representantes da administración, universidade, empresas, referentes, socias e colaboradores, foi unha homenaxe do feito ata o momento e unha declaración de intencións de todos os proxectos futuros sobre os que se está traballando.

No evento, presentado pola referente Silvia Jato, interveu a referente galega e Premio Executivas, Marisol Soengas, e dous das fundadoras da asociación, Marta Costas e Asunción Fieira, que fixeron un repaso da importancia social que ten esta entidade.

A continuación, compartíronse dúas pezas audiovisuais, unha delas realizada para conmemorar os dez anos da entidade e a outra unha mensaxe do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, que por motivos dunha viaxe non puido estar presente, no que felicitou a Executivas polo traballo que desenvolveron nos últimos anos e o seu peso dentro de sociedade galega.

Na súa intervención, a presidenta de Executivas, Carla Reyes Uschinsky, explicou que “hoxe é unha organización de referencia en materia de igualdade de oportunidades entre sexos, o é para a Administración pública, para as empresas e para o conxunto do tecido social. Conta cos valores máis importantes dunha organización: ideas, capacidade de traballo e cohesión.” Neste sentido sinalou que “na diversidade está o éxito e a nosa entidade está conformada por profesionais de todos os sectores e das catro esquinas de Galicia e tamén de fóra dela, co que conseguimos construír un proxecto coas vimbias para afrontar un futuro cheo de desafíos.”

“Estou convencida de que Executivas está preparada para ofrecer ao conxunto da sociedade galega unha nova folla de roteiro que nos sitúe á cabeza da igualdade de oportunidades entre mulleres e homes” neste sentido solicitou “un marco lexislativo en materia de corresponsabilidade que sexa valente e aborde a necesidade dun cambio de horarios que favoreza a conciliación” que viu como unha das posibles solucións á profunda crise demográfica.

O acto institucional pechouno o vicepresidente segundo, Francisco Conde que agradeceu o labor que Executivas realiza e a importancia de visibilizar o liderado das profesionais galegas.

Finalmente, a referente e pianista internacional, Isabel Dobarro, ofreceu un pequeno concerto e que deu paso ao cóctel- networking.

Colaboradores

Executivas de Galicia tamén agradeceu a todas as entidades colaboradoras o seu papel no apoio á asociación, especialmente, ás que participaron directamente na organización deste décimo aniversario, como son Xunta de Galicia, Parlamento de Galicia, Estrella Galicia, a cadea Oca Hoteles, Grupo Reboredo, a empresa Aceites Abril, e a empresa Atelier Gráfica Visual encargada da organización.

Fotos: @Luis_Cobas