Accessibility Tools

O próximo 11 de decembro terá lugar a entrega do V Premio Executivas de Galicia que esta asociación concede cada ano a personalidades, empresas, ou proxectos e iniciativas que poñan de relevo o liderado feminino, favorezan a conciliación e comprométanse coa igualdade de oportunidades e a paridade entre homes e mulleres.

O acto de entrega terá lugar ás 18:00 horas no auditorio do Centro Galego de Arte Contemporánea en Santiago de Compostela.

A asistencia presencial verase limitada pola situación actual e as prazas son limitadas, pero tamén se poderá seguir en streaming a través da nosa canle de Youtube ou na seguinte ligazón: https://youtu.be/RMAbpywn1zc

Este ano o galardón recae na investigadora en inmunoloxía África González, co que se recoñece a prestixiosa traxectoria profesional dunha muller que, ademais, nos últimos meses tivo un papel destacado nos medios de comunicación como divulgadora científica, debido á pandemia do Covid-19.

África González forma parte do directorio Referentes Galegas xunto a máis de 300 mulleres galegas destacadas nas súas respectivas áreas profesionais e tamén se incorporou a Executivas de Galicia este mesmo ano. A súa longa carreira científica, os diversos premios e recoñecementos, como o último: a súa incorporación á Real Academia de Farmacia, son razóns máis que suficientes para outorgarlle este galardón, pero tamén as socias de Executivas recoñecen o seu espírito colaborador, a súa calidez humana e o seu compromiso co liderado feminino de maneira xeral e, en particular no ámbito da ciencia, onde aínda hai moito camiño por percorrer.