As socias de Executivas de Galicia decidiron, de forma maioritaria, recoñecer a traxectoria profesional da empresaria e fundadora de Aceites Abril, María del Carmen Canal López concedéndolle o VII Premio Executivas de Galicia. Con este galardón homenaxe búscase dar visibilidade á muller na empresa, especialmente nun sector como o agroalimentario, no que resulta máis difícil para as mulleres adquirir presenza.

Con este premio Executivas quere recoñecer o traballo, a dedicación e a constancia dunha muller que foi e é aínda a alma mater dunha empresa de referencia nacional e internacional como é Aceites Abril. Carmen Canal, referente galega indiscutible é unha muller cunha forza interior que lle permite remontar as dificultades persoais e mantén vivo o interese polo mundo que a rodea. Desde hai moitos anos Carmen Canal participa de maneira regular nas actividades de Executivas e sempre mantivo un apoio constante á organización.

A súa figura, xunto coa do seu marido, Manuel Pérez, impulsaron un negocio coa finalidade de levalo polo camiño do éxito, na actualidade ségueno facendo os seus fillos, aínda que ela segue estando presente na empresa.

Deste xeito, súmase á crecente lista de galardoadas en anteriores edicións como son a empresa Lonza Biologics, a bióloga Marisol Soengas, a CEO Adriana Domínguez, a comunicadora Silvia Jato, a científica África González e a pianista Isabel Dobarro.

O acto de entrega do galardón terá lugar o próximo 30 de novembro ás 18.30 horas no Hotel Puerta del Camino de Santiago de Compostela.

O evento está aberto ao público previa inscrición na ligazón que aparece máis abaixo. O prazo para inscribirse finaliza o 27/11/22.


Foto: Xurxo Lobato