Accessibility Tools

A presidenta de Executivas Carla Reyes Uschinsky, a conselleira de Emprego e Igualdade María Jesús Lorenzana e o vicepresidente Francisco Conde fixeron entrega do Premio Executivas 2020 a África González, catedrática e investigadora en inmunoloxía nun acto que tivo lugar o pasado 11 de decembro no Centro Galego de Arte Contemporánea, en Santiago de Compostela.

Ese mesmo día a premiada África González e a presidenta de Executivas Carla Reyes foron recibidas polo Presidente do Parlamento Galego, Miguel Santalices.

Con este galardón recoñécese a prestixiosa traxectoria profesional dunha muller que, ademais, nos últimos meses tivo un papel destacado nos medios de comunicación como divulgadora científica, debido á pandemia do Covid-19.

África González agradeceu o recoñecemento e encomiou o labor levado a cabo durante estes anos por Executivas de Galicia na visibilidade da muller e a importancia de programas como Referentes Galegas que destaca as numerosas profesionais de distintos sectores e que serven como exemplos a seguir para as máis novas.

O galardón, que quere destacar aquelas traxectorias persoais ou profesionais que poñen o valor o liderado feminino, consistiu nunha escultura do artista galego Miguel Couto, denominada Muller, onde reflexiona sobre o triunfo persoal da muller.

En edicións anteriores foron galardoadas a bióloga Marisol Soengas, a CEO Adriana Dominguez e a presentadora Silvia Jato.

Traxectoria Profesional

Realizou a especialidade de Inmunoloxía na Clínica Puerta de Hierro de Madrid e posteriormente unha estancia postdoctoral co Dr. César Milstein (premio Nobel pola técnica de obtención dos anticorpos monoclonais) no MRC de Cambridge. Incorpórase á Universidade de Vigo en 1996 para iniciar unha área nova en Inmunolxgía, única en Galicia. É Catedrática de Inmunoloxía e ten a consideración de grupo de Referencia Competitiva (Xunta de Galicia).

Foi Directora do Centro de Investigacións Biomédicas (CINBIO) “Centro de excelencia de investigación de Galicia” da Universidad de Vigo (2009-2019). Foi Presidenta da Sociedade Española de Inmunoloxía (2016-2020) e é Académica correspondente da Real Academia de Farmacia de Galicia desde 2019.

Co-promotora da empresa NanoImmunoTech (2009-actualidade), foi nominada aos premios Women Innovator 2017 pola Comisión Europea. Foi galardoada co Premio Muller científica no 2018, e á mellor traxectoria profesional por Empresarias de Galicia en 2019.

Fotos: Pepe Ferrín