Accessibility Tools

Santiago de Compostela converteuse o 24 de febreiro na sede do II Congreso EDA “Súmate ao cambio sostible” que organiza Executivas de Galicia, e que serve de espazo para reunir a asociacións de mulleres empresarias e directivas do norte de España.

Así, o acto no que se reuniron case un centenar de persoas de diferentes ámbitos, deu inicio coa presentación de cada unha das presidentas das cinco asociacións presentes, Carla Reyes Uschinsky, presidenta Executivas de Galicia, Begoña Fernández-Costais Muñiz, presidenta de EDA  e FEDA, Noelia Rodríguez de Celis, presidenta de ASELE, Carmen Miral, presidenta Mujeres Siglo XXI e Cristina Sotro, presidenta de Amedna e a intervención da Secretaria Xeral de Igualdade, Susana López Abella.

Ao longo da xornada púidose escoitar a algúns dos maiores expertos en Obxectivos de Desenvolvemento Sostible que puxeron sobre a mesa as claves para mellorar desde a sostibilidade e a través da innovación en entidades pequenas como pemes a empresas máis grandes.

Neste sentido, o primeiro relatorio foi de Paul Tran, director  Corporativo de Persoas en Corporación Hijos de Rivera que falou do impacto positivo nos equipos.

A continuación, celebrouse a primeira mesa redonda titulada “As pemes ante os novos piares do mercado” na que participaron Ana Botas, xerente da Agrupación industrial Viratec, Josefa de León Blanco, vogal de Pacto Mundial, Marta Areizaga, CEO Firstlehen, patroa de Fundación Tubacex e conselleira de ASOCIMI e estivo moderada por Begoña Fernández-Costais Muñiz, presidenta de FEDA.

O segundo panel reuniu baixo o nome de “Financiamento verde: taxonomía verde” a Elena Carrera Crespo, directora de Sostibilidade en Banco Sabadell, Carmen Pumariño, investidora e business angel e Silvia Escámez Romero, vicepresidenta da Asociación Española de FinTech e InsurTech (AEFI) moderada por Verónica Teijeiro, consultora de Finanzas e Innovación en Medrar Smart Solutions.

“Innovación e dixitalización como ferramentas da sostibilidade” moderada por Sabela Pardo, Subdirectora da Axencia Galega de Innovación-GAIN, reuniu a catro expertas en materia de dixitalización e intelixencia artificial como son Berta Caro, directora de Asuntos Corporativos e Impacto en Tecalis, Carlota Corzo Álvarez, Forbes 30 under 30, Amparo Alonso Betanzos, catedrática de Computación da UDC e experta en IA e Carla Álvarez, responsable de Expansión de guppy.es.

A sesión de mañá finalizou coa mesa redonda sobre “Cara a un Atlántico máis sostible” moderada por Carla Reyes Uschinscky, e na que participaron Antonio Basanta, director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica da Consellería do Mar, Ibone Rodríguez de Pablo, CEO de Zunibal, Juan Carlos Rama Bermúdez, director de RR. HH. e coordinador de RSC de Congalsa e Rubén Cereijo González, director de Enxeñería en Intacta.

A sesión da tarde iniciouse coa mesa redonda moderada por Eva Castro Outeiriño, directora de proxectos e operacións en Alinea-ODS, e na que participaron Ana Conde Botana, responsable de Sostibilidade en Telxius-Telefónica, José Manuel Castelán, director de Valoración de Empresas e Sostibilidade en Sociedade de Taxación, Rut Ballesteros Gil, experta en RSE e socia directora de Cavala, Alba Guzmán, especialista en comunicación da sostibilidade e márketing de impacto, cofundadora de ROSAPARKS, Brands with a Purpose.

Para poñer o punto final a este II Congreso EDA fíxose cun Workshop moderado por Camino Ramos, consultora en sostibilidade, e no que participaron Antonio Pena Seijo, xerente de Coregal, Luís Felipe Fernández, xerente e director técnico de Ecolagunas, Juan Carlos Meijide Fernández, director xeral de Insertega, Santiago Sánchez Álvarez, xerente de Contratas e Saneamentos, Coysa (León) e Isidoro Martinez, CEO TECALIS.

Clausurou o evento o director Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais e do Instituto Enerxético de Galicia, Pablo Fernández Vila.

Que é EDA?

Empresarias e directivas do Atlántico (EDA) xurdiu como unha plataforma para dar visibilidade ao colectivo de mulleres empresarias, directivas e autónomas do arco atlántico e do norte de España. Entre os obxectivos, figura o de contribuír a romper os estereotipos que posúen algunhas entidades na actualidade buscando reverter esta situación asentando a nosa actividade ao redor de valores como a innovación, a colaboración ou a contribución ao liderado feminino.

Está formada pola asociación Mujer Siglo XXI de Mujeres Empresarias y Profesionales, representando a Euskadi; a asociación de Mujeres Empresarias y Directivas de Navarra; a asociación de Mujeres y Empresarias de Cantabria; a asociación de Mujeres Empresarias y Directivas de León; a Federación de Empresarias y Directivas de Asturias e a asociación Executivas de Galicia.