É certo que desde marzo o Covid-19 é a medida de todas as cousas e o resto do que acontece parece quedar aparcado ou pasar desapercibido para case todo o mundo.

Aínda que a nova configuración da Xunta de Galicia xerou moitas análises e comentarios, non foi o caso para un cambio ao meu xuízo importante, en particular desde este recuncho de opinión dedicado á igualdade entre mulleres e homes.

Refírome á creación dunha nova consellería de Emprego e Igualdade.
O cambio é revelador. En primeiro lugar Igualdade sobe a categoría de consellería, por tanto debemos entender que a equidade estará na primeira liña da axenda deste novo executivo que inicia a súa andaina.

En segundo lugar, Emprego tamén adquire a relevancia dunha alta dirección. É relativamente fácil interpretar que será unha das áreas de traballo prioritarias do Goberno de Galicia, ante as difíciles expectativas económicas que se nos presentan por diante.

Pero sen dúbida o máis rechamante é que estes dous departamentos queden unidos baixo una mesma consellería e, polo tanto, baixo un mesmo mando, o da nova conselleira María Jesús Lorenzana Somoza.

O cambio suxire moito máis que unha simple modificación do organigrama. É no emprego, é no mercado laboral onde se concentran nestes momentos as grandes discriminacións entre mulleres e homes. A brecha salarial é unha das secuelas que arrastramos e que require non só dun marco lexislativo, senón dun cambio de cultura empresarial e tamén sindical.

A conciliación entre vida laboral e familiar é unha realidade que dificulta o desenvolvemento pleno das mulleres na súa vida profesional e que condiciona de maneira significativa o acceso das mulleres aos postos de dirección.

Os datos en materia de emprego a partir do covid-19 xa están a arroxar cifras alarmantes: son os contratos temporais os primeiros en caer e resulta que a gran maioría deles son femininos. Os sectores da hostalería e o comercio atópanse entre os máis golpeados e outra vez aquí atopamos un verdadeiro exército de man de obra feminina.

Parece por tanto lóxico e sensato unir ambas áreas, emprego e igualdade, baixo o mesmo teito. Interprétoo como un acerto, por primeira vez comprobamos que a igualdade adquire a categoría que lle corresponde. Non é un tema de segunda, non é un asunto “politicamente correcto”, para saír só na foto cun titular adecuado.

Hoxe a igualdade de xénero implica eliminar a brecha salarial. Supón unhas políticas incentivadoras en materia de conciliación e unha aposta por unha discriminación positiva cara ás mulleres que día a día se están quedando fóra do mercado laboral. É un novo enfoque que pon o acento sobre a participación plena das mulleres no mercado laboral como ferramenta indispensable para a igualdade. Non pode haber equidade entre sexos mentres as mulleres non alcancen a independencia económica. E é tamén a clave para superar a violencia machista, a outra gran secuela dos nosos tempos.

 

Foto: @Luis_Cobas