- A Medalla Emilia Pardo Bazán outorga un recoñecemento público ás accións desenvolvidas na Comunidade Autónoma de Galicia, que contribúan e destaquen na defensa da igualdade de dereitos entre mulleres e homes
- Executivas de Galicia recibe o galardón pola súa loita pola igualdade de oportunidades e polo recoñecemento público de mulleres profesionais destacadas polo seu prestixio e traxectoria a través do proxecto Referentes Galegas
En Coruña a xullo de 2023. A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade concedeu a Medalla Emilia Pardo Bazán a Executivas de Galicia. “En recoñecemento á súa loita pola defensa da igualdade de oportunidades entre mulleres e homes e pola visibilidade e o recoñecemento público de mulleres profesionais destacadas polo seu prestixio e traxectoria a través do proxecto Referentes Galegas. Cun directorio que actualmente conta con máis de 300 profesionais, a asociación aposta pola concienciación e por promover políticas de igualdade e de responsabilidade social empresarial, realizando a participación en xornadas, mesas redondas e talleres en toda Galicia. Tamén traballa pola corresponsabilidade, impulsando medidas que favorezan a conciliación da vida persoal, familiar e laboral”, indicou a Xunta de Galicia na súa resolución.
Xunto con Executivas de Galicia, reciben este ano o galardón María Teresa Cortizas González-Criado, delegada de Igualdade da Sala do Goberno do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia e a Fundación Secretariado Xitano. A Medalla Emilia Pardo Bazán outorga un recoñecemento público ás accións desenvolvidas na Comunidade Autónoma de Galicia, que contribúan e destaquen na defensa da igualdade de dereitos e oportunidades entre mulleres e homes. Concédense cada ano tres condecoracións.
O acto de entrega dos galardóns terá lugar no mes de setembro. A presidenta de Executivas de Galicia Carla Reyes Uschinsky expresou o seu agradecemento: “É un orgullo para min que Executivas de Galicia reciba este galardón en recoñecemento a tantos anos de esforzo e un labor ben feito”.