Hai moitos anos que o deporte feminino español saíu do armario. Pola presión lóxica dunha sociedade que reclama unha obviedad ou porque ao fin os medios comezan a facerse eco dos logros femininos.
Acaban os Xogos de Tokio, os máis raros da historia. Os Xogos naceron para ser vistos polo pobo e os estadios nipóns estiveron pechados aos espectadores. Tamén foron os Xogos que mais achegáronse á paridade, cun 48,8% de participación feminina. Segundo o Comité Olímpico Internacional, Tokio 2020 achegará o maior número de mulleres deportistas na historia das olimpíadas modernas.

Falta pouco para alcanzar a cifra simbólica do 50%. En Atenas, en 1896, no inicio das Olimpíadas modernas, o 100% dos deportistas eran homes, en San Luis en 1904 apenas eran 6 mulleres por 675 homes e ademais só se lles permitía participar en certas disciplinas.

Recordo escribir sobre os Xogos de Brasil en 2016 e lamentar que non fose unha muller a abanderada da delegación española, foi Rafa Nadal; sen dúbida máis que merecido representante do deporte español. Este ano felizmente optouse polo máis sensato, dous abanderados. Por que se tardou tanto tempo para atopar unha solución tan simple??

Non lle quero arruinar a festa a ninguén e moito menos aos deportistas galegos que volverán a casa cargados de medallas e orgullo, pero a verdade é que 125 anos despois, aínda non se conseguiu a paridade nas Olimpíadas.
Avanzouse? Si, claro que se avanzou e, ademais, de maneira rotunda. Pero as cifras son o espello dunha realidade que está aí e que, a pesar de todos os discursos, aplausos, recoñecementos, reflicten a túzara realidade na que vivimos: O Comité Olímpico Español tivo ata o de agora 18 presidentes, nunca unha muller presidiu a entidade. Podemos consolarnos pensando que no COI tampouco.

O COI ten unha trintena de comisións, formadas por expertos de todos os países participantes. Por suposto a presenza feminina é simbólica.
Parece coma se a historia se empecinara en que as mulleres sempre deben demostrar máis coraxe, máis esforzo e máis paciencia para esperar o seu momento. Xa vai sendo hora, non?

Pero o máis revelador da realidade que nos rodea é ver os informativos en prime time. Abrir as portadas dos xornais cando se anuncia que Leo Messi vaise, deixa o Barcelona. Entón todo o demais desaparece, os medios réndense ao impacto de magnitude que provoca esta catástrofe nacional: afeccionados que choran desconsolados ante o valo do estadio, nenos que se abrazan aos seus pais vestidos ambos coa camiseta do 10, socios do club que ameazan con que se van e outros que babexan incrédulos, pensando que é unha broma.

Quero pensar que isto non é deporte, en todo caso non o deporte tal e como o vimos estas semanas en Xapón. A traxedia que supón que un club perda ao “mellor futbolista da súa historia” non é unha derrota deportiva como as que centos de deportistas viviron en Tokio estes días. Isto é outra cousa, é un gran negocio onde os intereses dominantes non son as medallas nin os records… Son os dereitos de imaxe, a publicidade, a televisión… o deporte traducido a millóns de euros.

Deporte é o que fixo Teresa Portela nestes Xogos. Sen alboroto, sen espaventos, coa súa discreción habitual, coa súa vontade inquebrantable, cos seus 39 anos… conseguiu o que buscaba: a satisfacción persoal do obxectivo cumprido. O triunfo para a súa paixón. A gloria para os que a admiramos.

Foto: @Luis_Cobas