Accessibility Tools

O programa Referentes Galegas tivo unha gran acollida na presentación realizada o xoves 30 de xaneiro no Concello de Viveiro. O acto, ao que asistiron máis de medio centenar de persoas, deu inicio ás 18.00 horas coa benvida da Alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, e da Subdelegada do Goberno en Lugo, María Isabel Rodríguez López.

A continuación, a vicepresidenta de Executivas de Galicia, Lida Enrich, e a consultora financeira e socia de Executivas, Verónica Teijeiro Domínguez, presentaron a asociación e os principais fitos e programas que se puxeron en marcha desde a entidade para visibilizar a realidade profesional das mulleres.

Unha vez finalizado, deuse paso á mesa redonda Referentes Galegas, que conta coa participación de Lida Enrich, Vicepresidenta de Executivas e coordinadora do programa Referentes Galegas, e as referentes Ángeles Romero Rodríguez, catedrática da USC na área de Tecnoloxía de Alimentos, Patricia Argerey Vilar, directora da Axencia Galega de Innovación, e Raquel Atadell, directora de CaixaBank Viveiro.

Pecharon o acto a Secretaria Xeral de Igualdade, Susana López Abella, e a Alcaldesa de Viveiro, que deron paso a unha actuación musical do Corservatorio de Música de Viveiro e un viño galego.

Referentes Galegas é o primeiro directorio que se crea co obxectivo de reunir polo menos a 500 mulleres profesionais destacadas e líderes en todos os ámbitos da sociedade galega.

Trátase dunha ferramenta útil para que os medios de comunicación, as entidades de calquera índole ou os organizadores de foros e encontros poidan ter un espazo no que atopar a mulleres destacadas en todos os ámbitos profesionais e que poden achegar unha valoración experta.

Outro dos obxectivos do programa Referentes Galegas é dar visibilidade a todas as profesionais e que sirvan como unha referencia ou un modelo para seguir para as mozas galegas

CONVENIO CON UNIVERSIDADES

O programa conta co apoio das tres universidades de Galicia, no que mediante un convenio de colaboración asinado polos reitores da Universidade de Santiago de Compostela, Antonio López Díaz, o reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde Alonso, e o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa Roger, que se comprometeron a difundir o proxecto Referentes Galegas entre o alumnado e profesorado de cada un dos campus, ademais de colaborar na achega de nomes de mulleres destacadas no seu ámbito e vinculas á universidade.

Referentes Galegas é o primeiro directorio que se crea co obxectivo de reunir polo menos a 500 mulleres profesionais destacadas e líderes en todos os ámbitos da sociedade galega.