Accessibility Tools

Executivas de Galicia desenvolveu nos últimos meses, grazas á colaboración da Deputación de Ourense, un ambicioso proxecto de inserción laboral dirixido a 20 mulleres ourensás, co obxectivo de facilitar o seu acceso ao mercado laboral e mellorar as súas oportunidades profesionais.

A través de talleres especializados e un programa de acompañamento personalizado, as participantes adquiriron novas competencias e ferramentas para afrontar con éxito a procura de emprego. Ademais, realizaron prácticas non laborais en diversas empresas da cidade, o que lles permitiu coñecer de primeira man a contorna laboral e establecer contactos profesionais.

Os talleres impartidos centráronse na actualización de currículos, coñecendo e  empregando ferramentas de IA, na preparación de entrevistas de traballo, no desenvolvemento de habilidades comunicativas, en potenciar a imaxe persoal e a procura de emprego a través das novas tecnoloxías e redes profesionais. Así mesmo, abordáronse temas transversais como a igualdade de oportunidades e a conciliación laboral e familiar.

Elba Liliana, participante do proxecto, sinalou que “formar parte de Xerando Redes deulle a oportunidade de identificar cara a onde dirixirse profesionalmente e que desde o primeiro momento sentiuse escoitada, comprendida e parte activa do grupo de mulleres”.

Grazas a esta iniciativa financiada pola Deputación de Ourense, as mulleres participantes melloraron a súa empregabilidade e séntense máis preparadas para afrontar novos retos profesionais.

Carla Reyes afirmou que “os obxectivos e os resultados obtidos son positivos e importantes e que son proxectos aos que se lles debe dar continuidade para seguir acompañando a estas mulleres para descubrir e crer na súa propio potencial”.

No acto de clausura realizado no Centro Cultural Marcos Valcárcel de Ourense, participou Marta Novoa, Vicepresidenta Primeira da Deputación de Ourense, que puido coñecer de primeira man as traxectorias profesionais das participantes así como a Rede de Executivas de Galicia. Tamén puidemos escoitar o testemuño de varias participantes do proxecto e de empresas nas que realizaron as prácticas.