Herramientas de accesibilidad

En Executivas xa estamos a traballar para organizar o novo Foro “Liderazgo e Emprendemento feminino”, que vai pola súa terceira edición e que nos citará esta vez na Coruña, tras o éxito da anterior convocatoria no Museo do Mar de Galicia (Vigo). Volveremos atoparnos para impulsar a capacidade directiva das mulleres, intercambiar experiencias e debater temas de economía, internacionalización e innovación, nun encontro que é unha referencia no mundo da empresa. Ademais, se en 2014 Ourense e Lugo foron as cidades que acolleron os Foros que organizamos sobre emprendemento rural, este 2015 será o ano dedicado ao mundo do mar, onde emprenden centos de mulleres, moitas abrindo novas vías de negocio que queremos dar a coñecer.

Nova edición dos nosos premios

Pero, sen dúbida, unha das actividades estrela será a convocatoria da segunda edición do Premio Executivas de Galicia que, na súa primeira edición (2012) levou Lonza Biologics Porriño. Lembramos que poden participar empresas a partir de 10 empregados e cunha facturación igual ou maior a 2 millóns de euros, sempre que a sede social estea en Galicia. Para a II Edición, como novidade, hai catro categorías:

  1. Premio á empresa que mellor lidere en feminino.
  2. Premio ao Liderazgo Inspirador Feminino, valorando tanto a traxectoria, a loita por poñer en valor o liderado feminino e axudar a outras mulleres, así como o seu compromiso.
  3. Premio á institución pública/privada polo apoio ao liderado feminino.
  4. Premio ao medio pola promoción do liderado feminino.

Ademais, Executivas seguirá mantendo unha intensa axenda en materia de formación para as súas socias, un dos aspectos que máis coidamos, xunto ás habituais sesións de networking. O ano acaba de empezar, e xuntas imos protagonizalo.

.